Seguen a bo ritmo as obras de construción da Base Integrada de Unidades Operativas de Mondoñedo
Seguen a bo ritmo as obras de construción da Base Integrada de Unidades Operativas de Mondoñedo que está situada no parque empresarial. O orzamento ascende a 327.366,48 euros, "ao que lle habería que engadir o 6 % de gastos xerais e o 21 % de ive", din dende a Consellería de Medio Rural.
As Bases de Unidades Operativas ou BUO son espazos dedicados á defensa do monte que poden funcionar como nodo de todos os axentes participantes na defensa e protección forestal.
Na edificación da BUO de Mondoñedo estanse a usar materiais ecolóxicos e reciclables e coa máxima certificación enerxética. De feito aproximadamente un 20 % é madeira de piñeiro galego.
"Para minimizar o impacto dunha edificación, óptase por fragmentar o seu volume, en dúas ás diferenciadas, unha aberta, e outra consistente nun volume pechado. Outro dos mecanismos de integración é a inclusión de parasois emparrados e que voan sobre a paisaxe, minimizando o impacto do soleamento na área de comedor e descanso”, engadiron dende Medio Rural.
A base contará tamén cun aparcadoiro exterior cuberto para os vehículos do dispositivo, e no interior terá circuítos de traballo, vestiarios e duchas.