Segue o plan de mellora de viarios urbanos do Concello de Foz

Foz
AMariñaXa
Dentro do plan de mellora de viarios urbanos, o Concello de Foz acometeu o aglomerado do Camiño de Cainzal e do Camiño do Redondo
ALCALDE DE FOZ NO CAMIÑO DO REDONDO (VILAXOANE)
1 Mar 2023

Dentro do plan de mellora de viarios urbanos, o Concello de Foz acometeu esta semana o aglomerado do Camiño de Cainzal e do Camiño do Redondo, ambos no barrio de Vilaxoane.

O alcalde, Fran Cajoto, explica que “cun orzamento de case 20.000 euros, as obras consistiron na limpeza das marxes e do pavimento existente e na mellora do firme cunha nova capa de rodadura de aglomerado en quente de 5 centímetros de espesor. Ao ser zonas eminentemente peonís, con edificacións tradicionais e de acceso a vivendas, o firme vai ter un tratamento especial. Unha vez rematados os traballos de aglomerado en quente, vaise a facer un tratamento superficial con dúas mans de lechada bituminosa de cor, o que se coñece como slurry. Con este tratamento imos conseguir un selado adicional da superficie de aglomerado volvéndoa máis impermeable. Ademais, da cor negra vamos pasar a unha cor ocre que vai remarcar o carácter peonil destes dous camiños, que deben ser accesibles en vehículo unicamente aos residentes da zona”.

Ademais o rexedor municipal anuncia que “hai distintos camiños de parroquias que van ser arranxados tamén con cargo ao Plan Único 2022. Nalgunhas zonas como nos barrios do Raxal e Ribela, en Cangas, ou na Barrosa, en Nois, xa hai traballo avanzado, que se reiniciará proximamente. Tamén empezaremos unha campaña de bacheos con medios propios na vindeira semana, se o tempo o permite. Hai baches en varios viarios do casco urbano e das parroquias sobre os que é preciso actuar canto antes”.

0.18951296806335