Segismundo García pide á autoridade laboral que actúe se considera que Sargadelos incumpre a normativa

AMariñaXa
O administrador único da empresa, Segismundo García, di sentirse incapaz de aplicar toda a normativa vixente e insta á autoridade a actuar se considera que existen danos reais aos traballadores
sargadelos-fabrica-cervo
24 Apr 2025

Tras a recente xuntanza coa Inspección de Traballo e os sindicatos CIG, CC.OO. e UGT para tratar o expediente aberto á fábrica de Sargadelos en Cervo por presuntas deficiencias en materia de seguridade laboral, a dirección da empresa deu un paso inesperado. Nun burofax remitido á autoridade laboral, o administrador único, Segismundo García, solicita que se ordene o cesamento da actividade produtiva “se é certo o que afirma a eficacísima Inspección, e nesta industria se están a causar danos á saúde dos traballadores”.

A misiva, redactada en termos marcadamente irónicos, subliña que a empresa “se sente incapaz de cumprir con toda a normativa vixente”, aínda que engade que “moito menos pretende poñer en risco a saúde do seu persoal”. Por iso, continúa García, “se esa diligentísima Inspección está convencida do seu proceder, debe actuar en consecuencia, para evitar a esta sufrida dirección os trámites burocráticos e o papeleo dun cesamento voluntario”.

A resposta da empresa prodúcese apenas 24 horas despois de que a Inspección de Traballo ofrecese unha prórroga para executar as melloras esixidas nas instalacións. Ese prazo estenderíase, segundo indicaron fontes sindicais, ata despois do verán, aínda que se aplicaría unha maior flexibilidade para as obras que afecten ao edificio principal, catalogado como Ben de Interese Cultural (BIC).

Os sindicatos expresaron nas últimas semanas a súa preocupación polas condicións de seguridade na fábrica e esixiron actuacións urxentes para protexer ao cadro de persoal. A dirección de Sargadelos, pola súa banda, mantén unha postura crítica cara á Inspección e asegura estar “desbordada” pola complexidade normativa e pola “presión crecente” das administracións.

O conflito continúa aberto, mentres se agarda a resposta oficial da Inspección ao escrito remitido pola empresa. A continuidade da actividade produtiva, e mesmo o futuro inmediato da planta de Cervo, podería depender agora das decisións que adopte a autoridade laboral nas vindeiras semanas.

⚙ Configurar cookies
0.17252206802368