Sargadelos prepárase para unha romaría que rende tributo a Isaac Díaz Pardo

AMariñaXa
O 12 de xullo o Conxunto Histórico-Artístico acollerá unha xornada festiva con música, mesa redonda e proxeccións para lembrar o legado do creador galego
Romeria-Isaac-Diaz-Pardo-Cervo-2025
5 Jul 2025

O vindeiro 12 de xullo, o Conxunto Histórico-Artístico de Sargadelos converterase nun espazo de celebración e lembranza co gallo dunha romaría popular organizada para homenaxear a Isaac Díaz Pardo, figura clave da cultura e da identidade galega contemporánea. A iniciativa, aberta a toda a cidadanía, está a ser promovida a través da páxina “Isaac Sargadelos” nas redes sociais, onde se pode seguir toda a información do evento.

A xornada arrincará ás 12:00 horas cunha proxección audiovisual titulada As miradas de Isaac, que contará coa participación de Cecilia Díaz e música en directo a cargo de David Bellas. Ás 14:00 horas terá lugar un xantar de irmandade, que permitirá compartir mesa e conversa entre as persoas asistentes.

Xa pola tarde, ás 17:00 horas, celebrarase unha mesa redonda baixo o título A fusión entre industria, arte e territorio: un modelo adiantado ao seu tempo, na que se analizará o legado intelectual e empresarial de Díaz Pardo desde múltiples perspectivas. A xornada culminará ás 19:00 horas cun bloque de concertos baixo o nome Voces para Isaac, que contará coas actuacións de Mini, Miro Casabella e outras voces destacadas da música galega.

O evento aposta por recuperar o espírito creativo, comprometido e integrador de Isaac Díaz Pardo, cunha programación que mestura reflexión, arte, convivencia e cultura popular.

⚙ Configurar cookies
0.18805313110352