Sargadelos mantén na incerteza ao persoal tras varios días coa fábrica pechada sen explicacións

AMariñaXa
O PSdeG-PSOE critica a falta de comunicación coa plantilla e esixe garantías laborais, transparencia e actuación inmediata da Xunta
Saragdelos-traballadores-decembro-2025
2 Dec 2025

O PSdeG-PSOE na provincia de Lugo fixo pública a súa “profunda preocupación” pola situación que atravesa o persoal de Sargadelos, que leva desde o pasado xoves atopándose diariamente coa fábrica de Cervo pechada, sen notificación oficial e sen ningunha certeza sobre o seu futuro laboral. Os socialistas cualifican o ocorrido como “inxusto, inhumano e inaceptable”, ao deixar durante días a decenas de familias da Mariña nun estado de total indefensión.

Segundo relatan as traballadoras e traballadores, foron expulsados das instalacións o xoves e, desde entón, non recibiron comunicación ningunha por parte da dirección. O peche repentino e o silencio posterior xeraron un clima de preocupación e impotencia entre unha plantilla que continúa sen saber que motivou a paralización da actividade nin cando poderá retomarse.

Diversos responsables municipais e orgánicos do PSdeG desprazáronse á fábrica tanto onte como hoxe para interesarse polo ocorrido e amosar o seu apoio directo ao persoal. Entre eles estiveron María Loureiro, delegada comarcal; Francisco Mon, secretario xeral de Cervo; Francisco Cajoto, alcalde de Foz; Carmela López, alcaldesa de Burela; representantes do Vicedo e edís de Mondoñedo e Cervo. Todos coincidiron en que o prioritario é “escoitar, acompañar e defender os dereitos” das persoas afectadas.

Os socialistas inciden en que non se trata dun feito illado, senón dun xeito de actuar que deixa o persoal “á súa sorte”, sen garantías nin transparencia. Critican tamén que, tras varios días de silencio, o propietario anunciase hoxe a intención de reabrir a planta sen ofrecer nin explicacións nin información verificable sobre as supostas melloras en materia de seguridade ou salubridade.

“O persoal segue sen unha notificación oficial que detalle que pasou, por que se pechou a fábrica e en que condicións se pretende reiniciar a actividade”, denuncian desde o PSdeG, que tamén reclama coñecer como se van compensar as nóminas e as condicións laborais destes días de paralización. “A reapertura non pode ser un simple borrón e conta nova. Ninguén pode quedar prexudicado”, subliñan.

O PSdeG lembra que a Xunta de Galicia ten competencias directas en materia industrial e prevención de riscos, polo que non pode limitarse a apoiar anuncios sen supervisión nin garantías. Reclámalle actuar “con rigor e responsabilidade” para garantir seguridade, legalidade e estabilidade laboral.

Os socialistas sosteñen que este episodio volve evidenciar a falta dunha estratexia industrial na Mariña. “Despois de anos de incertidume en Alcoa, agora súmase o que está a suceder en Sargadelos. Que alternativas reais ofrece a Xunta para a comarca?”, preguntan.

O PSdeG-PSOE na provincia de Lugo reafirma o seu apoio “total e incondicional” ao persoal de Sargadelos e comprométese a seguir vixiante ata que haxa unha solución “digna, clara e definitiva”. “A marca Sargadelos é Galicia, pero sen as persoas non existe. A súa dignidade e a súa seguridade van primeiro”, conclúen.

⚙ Configurar cookies
0.070034980773926