Sargadelos impón vacacións forzosas en Cervo no medio dunha crise laboral

A fábrica de Sargadelos en Cervo afronta unha nova sacudida tras a decisión do seu propietario, Segismundo García, de declarar a próxima semana como "período de vacacións" para o persoal. A medida foi comunicada á Inspección de Traballo a través dun escrito no que o empresario xustifica o parón pola persistencia de deficiencias que, segundo el, poderían poñer en risco a saúde laboral dos empregados.
Esta decisión chega nun contexto xa marcado pola tensión. A Inspección de Traballo detectou recentemente 36 incidencias nas instalacións, o que derivou nunha sanción de 5.000 euros. Ademais, iniciouse un expediente tras confirmar dous casos de silicose entre as traballadoras, unha enfermidade profesional vinculada á exposición ao po de sílice.
García, que nun primeiro momento intentou pechar a fábrica de maneira unilateral –acción cualificada como ilegal pola autoridade laboral–, remitiu agora un novo documento onde detalla outras trece cuestións que, ao seu xuízo, agravan a situación. Entre elas, sinala que a cuberta do edificio é de uralita, o que podería implicar presenza de amianto; que os fornos alcanzan altas temperaturas sen protección adecuada para os operarios; ou que o chan é esvaradío e perigoso.
A dirección notificou este suposto período de vacacións con menos de 72 horas de antelación, feito que, segundo os sindicatos, incumpre a normativa laboral. Desde a CIG, Xorxe Caldeiro cualificou a situación como un "esperpento" e criticou a falta de comunicación co cadro de persoal. Pola súa banda, José Antonio Zan, de CCOO, advertiu de que as vacacións deben anunciarse con dous meses de antelación, e que, de non ser así, poderían ser ilegais salvo que se trate dun permiso retribuído.
O cadro de persoal carece actualmente de comité de empresa tras anos de conflitos internos e denuncias de represión sindical, como a protagonizada pola que fora presidenta do comité, Rogelia Mariña, hoxe voceira socialista en Xove.
A situación chegou ao Ministerio de Traballo e Economía Social, que solicitou unha reunión urxente coa dirección de Sargadelos. Nin Xunta nin Goberno estatal teñen constancia de que se activase algún expediente de regulación de emprego.