Sargadelos celebrará as festas de Santiago cunha combinación de tradición, música e deporte

AMariñaXa
A programación inclúe concertos, gastronomía, actividades xuvenís e o Trail Sargadelos entre os días 24 e 26 de xullo
cervo-festas-sargadelos-2025
23 Jul 2025

A parroquia de Sargadelos, no Concello de Cervo, xa ultima os preparativos para as Festas na honra a Santiago Apóstolo, que se desenvolverán do 24 ao 26 de xullo de 2025. Un evento promovido pola Asociación Amigos da Troula e o Concello, que mestura tradición, cultura, música e deporte, e ao que están convidados tanto os veciños como os visitantes da comarca.

O programa festivo comezará o xoves 24 ás 20:00 horas coa xa tradicional espetada moura, que estará ambientada polo grupo local “Cordenaia”. A noite continuará coa verbena da Discomóbil Conxuro e culminará ás 23:00 h cun dos pratos fortes das festas: o concerto do recoñecido artista Roi Casal.

O venres 25, Día do Patrón, comezará cunha misa solemne e a posterior procesión, previstas para as 13:00 h. A música tradicional terá protagonismo da man de Fol do Raxal, que ofrecerá un pasarrúas e un baile popular. A Discomóbil Conxuro regresará para animar a sesión vermú e a tarde festiva. Xa pola noite, a verbena contará co grupo Alma Latina e coa actuación estelar de Kike Varela, dentro da súa xira Mikaela Tour. Durante o mediodía, serviranse racións de churrasco a un prezo de 12 euros, que inclúen porco, criollo, chourizo e pan.

O sábado 26 será a xornada dedicada ao deporte coa celebración do Trail Sargadelos, que arrancará ás 10:00 h. Durante a mañá tamén haberá venda de boliños preñados e empanadas, e a música correrá a cargo da Discomóbil Olympo. As inscricións para a carreira poden realizarse a través da plataforma www.sportmaniacs.com ata o día anterior ao evento.

Como antesala das festas, este martes 22 e mércores 23 desenvolverase a iniciativa xuvenil “Techno Con-Ciencia”, organizada polo grupo Fonte da Tella en colaboración co Concello e financiada pola Xunta de Galicia a través do programa Iniciativa Xove. A proposta, centrada na creatividade arredor da música electrónica e a cultura contemporánea, converterase nun espazo interxeracional e dinámico que servirá de pistoletazo de saída para unha semana de celebración.

Desde o Concello de Cervo destacan o carácter aberto, familiar e acolledor destas festas e animan a toda a Mariña Lucense a achegarse a Sargadelos para desfrutar dunha proposta que combina tradición, innovación, gastronomía e diversión para todos os públicos.

⚙ Configurar cookies
0.20601296424866