Santuario das Virtudes na Ponte de Arante
Por Emilio Piñeiroa Lozano
Dende tempo inmemorial, dase culto á Virxe, baixo a advocación das Virtudes. Ano tras ano, celébrase o luns de Pentecoste, con moitos fieis, a coñecida festa e romaría das Cruces.
A primeira documentación data do século XVI. No presbiterio está o altar maior e retablo renacentista de 1570 en madeira policromada. Pintado na parede, ábrese o telón para amosar un ceo estrelado que enmarca o retablo maior. O retablo consta de dous corpos, no inferior aparece a efixie da Virxe da Nosa Señora das Virtudes, cun fondo pintado de carácter floral. A ambos os dous lados San Miguel e San Rafael pintados ao óleo sobre táboas; e dúas tallas, á dereita da Virxe, Santiago Matamouros (século XVIII) e á esquerda outra imaxe da Virxe do Socorro de corpo pequeno. No corpo superior, aparece a imaxe dun Cristo crucificado, do século XVIII.
Ao lado do arco triunfal aparecen outros dous retablos pequenos iguais dun só corpo, un frontón. No dereito, unha imaxe de Cristo do século XVII e no esquerdo, San Cosme, do século XVI.
Na ábside da capela no muro sur localízanse varias esceas marianas, catro pasaxes do evanxeo de San Mateo, referidos á infancia de Cristo: A Natividade, A Adoración dos Magos, A Matanza dos Inocentes e a Fuxida a Exipto, e no centro, baixo a ventá, unha inscrición documental, en caracteres góticos, que aludiría á data, ao lugar e posiblemente ao promotor de ditas pinturas, aínda que hoxe tal inscripción atópase practicamente destruída.
No arco triunfal gótico aparecen dous dragóns, con motivos vexetais e na parte interna da pilastra que sostén dito arco, dúas figuras. Do lado sur un home rico, luxosamente vestido, parece ofrecer un saco cheo de moedas, manifesta a impotencia do home rico, enfrontado a unha morte insubornable. Outras opinións de estudosos da arte din que é a figura de San Cosme ou San Damián vestidos de túnica, propio dos doutores da época e a bolsa o recipiente de ungüentos característicos da profesión. O xoven coa bolsa representa a alegoría da xenerosidade ou da avaricia.
No muro Norte, fronte á figura anterior, a figura da morte, un esqueleto parece presentar un corazón, un cadáver activo a pesar do seu estado de descomposición, os membros consumidos, motivo falante que resumiría en si mesmo a pavorosa idea da Morte. No muro norte aparecen pinturas da Asunción, Coroación de María e Descendemento
A inscrición di: “Esta obra mandó hacer el Sr. Pedro Pardo de Aguiar Señor del coto de Samarugo a su costa se inició de nuestra Sra. En el año 1516”.
No muro sur destacamos a pintura que fai alusión ao mar, un naufraxio, era un exvoto (ofrenda en recordo dun ben recibido). Pode ser entendida coma unha milagre. Trátase dunha pintura produto do agradecemento do capitán de infantería don Domingo de Carranza y Aguiar que milagrosamente se salvou nun naufraxio pola intercesión da Virxe.