Santiago de Abres celebra as festas de Santiago e Santa Ana como símbolo de unión entre Galicia e Asturias

A parroquia de Santiago de Abres, situada no límite entre Galicia e Asturias, prepárase para celebrar un ano máis as súas tradicionais festas na honra de Santiago e Santa Ana, unha cita que destaca polo seu carácter de convivencia e irmandade entre veciños e veciñas de ambos territorios.
O Concello de Trabada volve implicarse na organización destas festas, que mesturan música, gastronomía, tradición e espírito comunitario. O programa comezará o sábado 19 de xullo, cun Campionato de Balinera con carabina no Campo da Festa a partir das 19:30 horas, seguido dunha churrascada popular amenizada polo DJ Marcos, que reunirá a centos de persoas nun ambiente festivo.
A celebración continuará o xoves 25 de xullo, coincidindo co Día de Galicia, cunha misa solemne ás 13:00 horas e posterior sesión vermú co Dúo Belinda. Xa pola noite, a verbena estará animada polas orquestras Suavecito e Costa Dorada, que traerán ritmos variados para todos os públicos.
O remate das festas terá lugar o sábado 26 de xullo, cunha nova misa, outra sesión vermú a cargo do DJ Pedro Brmudz, e unha noite de festa que incluirá as actuacións de El Combo Dominicano, a discoteca móbil Mandala Macroshow e unha nova sesión de DJ para prolongar a verbena ata altas horas.
O alcalde de Trabada, Rubén García, salientou o valor simbólico desta celebración: “É unha mostra clara do espírito de unión entre Galicia e Asturias. Santiago de Abres representa esa irmandade entre pobos que comparten historia, cultura e lazos familiares”.
García tamén puxo en valor o compromiso municipal co tecido social: “Desde o Concello continuamos colaborando con asociacións, clubs e comisións de festas de todo o municipio. Consideramos vital ofrecer apoio institucional a todos os eventos que contribúan a dinamizar a vida das nosas parroquias”.
O Concello de Trabada convida a veciñanza e visitantes a participar activamente desta celebración única na fronteira natural entre dúas comunidades, que mantén viva a esencia das festas populares e o sentimento de pertenza compartido.