Sante mestura sendeirismo e gastronomía cunha ruta e unha gran paellada popular

A parroquia de Sante acollerá o vindeiro domingo 31 de agosto unha cita que combina deporte, natureza e boa mesa. Trátase da II Ruta de Sendeirismo “Voltiña a Sante”, que se completará cunha paellada popular no polideportivo da localidade. A proposta está promovida pola Asociación de Veciños San Julián de Sante e polo colectivo Trabada paso a paso, coa colaboración do Concello de Trabada.
A camiñada arrancará ás 11:00 horas diante do Teleclub de Sante e ofrecerá dúas alternativas: un itinerario máis curto de 6,04 quilómetros e outro de maior lonxitude, de 8,36, ambos de dificultade media e cun tempo estimado de dúas horas e media. A organización recomenda levar roupa e calzado axeitado para o percorrido.
Despois do esforzo, será o momento de recuperar forzas cun xantar de convivencia. A partir das 14:30 horas, o polideportivo de Sante converterase no punto de encontro para unha paella mixta acompañada de pan, bebida, sobremesa e café. O menú terá un custo de 15 euros para socios da asociación, 20 para non socios e 15 para quen participe previamente na ruta. A sobremesa estará animada pola música do DJ Marco.
As inscricións están abertas ata o 28 de agosto e poden formalizarse a través dos teléfonos de Miguel (636 024 263) e Amparo (677 331 980).
O alcalde de Trabada, Rubén García, salientou que “esta iniciativa é un magnífico exemplo de como unir deporte, tradición e gastronomía para dinamizar a vida das parroquias. Desde o Concello apoiamos con firmeza o traballo das asociacións, que contribúen a fortalecer a convivencia e poñer en valor o noso territorio”.
Desde a organización e o propio Concello fan un chamamento á veciñanza e visitantes para sumarse a unha xornada pensada para gozar do sendeirismo, da gastronomía e da boa compañía nun ambiente festivo e participativo.