Sante celebrará unha xornada festiva para a infancia con xogos de Pascua e patinaxe o 5 de abril

AMariñaXa
A Asociación de Veciños organiza unha tarde de actividades con procura de ovos, yincanas e unha sesión de skate dirixida a nenos e mozos
Pascua-Vecinos-Sante-2026-coello-pascua
17 Mar 2026

A parroquia de Sante acollerá o vindeiro 5 de abril unha xornada lúdica pensada especialmente para a infancia e a mocidade, cun programa de actividades vinculado á celebración da Pascua. A iniciativa está promovida pola Asociación de Veciños de Sante, que propón unha tarde chea de xogos, retos e propostas deportivas para diferentes idades.

Un dos eixos principais da programación será a actividade denominada “Conejiño de Pascua”, que incluirá varias propostas adaptadas aos distintos grupos de idade. Para os máis pequenos, entre 1 e 5 anos, organizarase unha busca do coelliño de Pascua, mentres que os nenos de 5 a 9 anos participarán nunha xincana temática inspirada no Camiño. Pola súa banda, os maiores de 9 anos poderán sumarse a unha xincana baseada no universo da serie Stranger, con probas e desafíos pensados para estimular a participación e o traballo en equipo.

As actividades comezarán a partir das 16:30 horas e desenvolveranse nun ambiente festivo no que tamén haberá unha zona de manualidades, ademais dun servizo de bar con chocolate para acompañar a tarde. A participación nesta parte da programación será de balde, aínda que será preciso realizar inscrición previa.

A xornada completarase cunha proposta deportiva dirixida á rapazada. Trátase dunha actividade de patinaxe con skate, organizada polo Aloha Skate Club A Mariña, que terá lugar o mesmo día 5 de abril ás 17:00 horas. A iniciativa está dirixida a nenos e mozos de entre 5 e 16 anos, e inclúe tanto o monopatín como as proteccións necesarias para realizar a actividade con seguridade.

Neste caso, a participación terá un custo de 12 euros e tamén será necesaria a inscrición previa antes do 1 de abril. As persoas interesadas en participar nas diferentes actividades poden formalizar a inscrición a través do teléfono 696 266 162.

Con esta proposta, a Asociación de Veciños de Sante busca ofrecer unha alternativa de lecer para as familias da contorna, fomentando a convivencia e a participación da rapazada nunha tarde marcada polos xogos, a creatividade e o deporte.

0.12226009368896