Sante abre o calendario festivo de 2026 en Trabada coa celebración de San Xulián

AMariñaXa
A parroquia acollerá misa, sesión vermú e un cocido popular o sábado 10 de xaneiro no polideportivo
Trabada-festa-san-xulian-Sante-2026
9 Jan 2026

A parroquia de Sante dará a benvida ao novo ano coa celebración da tradicional festa na honra de San Xulián, patrón da localidade, que se desenvolverá o vindeiro sábado 10 de xaneiro no polideportivo parroquial. A cita converterase no primeiro gran evento festivo de 2026 no Concello de Trabada, reunindo veciñanza e visitantes nunha xornada marcada pola convivencia e as tradicións populares.

O programa de actos arrincará ás 13.00 horas coa misa solemne en honra ao santo, un dos momentos centrais da celebración. A continuación, celebrarase unha sesión vermú que estará amenizada polo Dúo Colimbo, encargado de poñer o toque musical ao mediodía. Xa pola tarde, a partir das 15.00 horas, terá lugar un cocido popular con menú tradicional, que se prolongará cun animado baile pensado para desfrutar da festa ata última hora.

A organización corre a cargo da Comisión de Festas de Sante e da Asociación de Veciños San Xulián de Sante, contando coa colaboración do Concello de Trabada, que continúa a apoiar activamente as iniciativas festivas das parroquias e o labor do asociacionismo local.

O alcalde, Rubén García, destacou que “é unha satisfacción comezar o ano celebrando festas nas parroquias, xa que son espazos de encontro que fortalecen os lazos veciñais e manteñen vivas as nosas tradicións”. O rexedor subliñou tamén o compromiso municipal de seguir colaborando coas comisións de festas e asociacións veciñais polo seu papel fundamental na dinamización social e cultural do concello.

Desde o Concello anímase á participación nesta celebración, que marca o inicio dun ano cheo de propostas festivas nas distintas parroquias de Trabada.

⚙ Configurar cookies
0.08070707321167