Santa Isabel de Lieiro celebra o seu cocido festivo en San Cibrao

AMariñaXa
A comida popular terá lugar o 24 de xaneiro no restaurante O Noso Lar con aforo limitado
Feira-do-cocido
12 Jan 2026

A parroquia de Santa Isabel de Lieiro volverá reunirse arredor da mesa coa celebración dun cocido festivo que terá lugar o venres 24 de xaneiro, a partir das 14.30 horas, no restaurante O Noso Lar, en San Cibrao. A cita está promovida pola Asociación Cultural Comisión de Festas de Lieiro, coa colaboración do Concello de Cervo, e enmárcase dentro das actividades previas ás festas patronais.

O encontro gastronómico contará cun aforo limitado a 140 persoas, polo que desde a organización lembran a importancia de adquirir as entradas con antelación, ben no propio restaurante O Noso Lar ou a través dos membros da comisión. O prezo do menú será de 35 euros para adultos e 15 euros para nenos.

O menú inclúe sopa e cocido tradicional, acompañado de café, chupo e sobremesa de entroido, todo iso nun ambiente pensado para favorecer a convivencia veciñal. A xornada completarase con música, co obxectivo de prolongar a celebración máis alá da comida e converter o evento nunha auténtica xornada festiva.

Desde a comisión organizadora destacan que este tipo de iniciativas buscan manter vivas as tradicións gastronómicas e reforzar os lazos entre veciñanza, ao tempo que serven para dinamizar a vida social da parroquia e apoiar a organización das festas de Santa Isabel.

⚙ Configurar cookies
0.076097965240479