Santa Cruz do Valadouro prepara a súa churrascada máis popular en honra a San Roque

AMariñaXa
A xornada festiva será o domingo 24 de agosto e contará con misa, procesión, música, xantar colectivo e xogos tradicionais
CHURRASCO-CHURRASCADA
17 Aug 2025

A Asociación de Veciños de Santa Cruz do Valadouro ultima os detalles da tradicional churrascada de San Roque, unha cita xa imprescindible no calendario estival da parroquia. A celebración terá lugar o domingo 24 de agosto baixo a sombra do gran carballo da aldea, onde a veciñanza e visitantes se reunirán para compartir mesa e festa.

O programa dará comezo ás 13:00 horas cunha misa solemne, á que seguirá a procesión e unha sesión vermú animada polo grupo Trova da Mariña. A partir das 14:30 serviranse empanadas, torreznos, churrasco, chourizos, pan, viño tinto, auga, refrescos, sobremesa, café e chupito, nun menú pensado para gozar en comunidade. Os prezos fixáronse en 10 euros para socios, 20 para non socios e 5 para nenos ata os 10 anos.

Pola tarde, ás 17:30, chegarán os xogos populares, entre eles o tiro á corda ou a carreira de sacos, que cada ano concentran a atención de pequenos e maiores. O día pecharase cunha verbena tamén a cargo de Trova da Mariña, encargados de poñer a música á última parte da festa.

Ademais, haberá sorteos, premios e un inchable gratuíto para nenos e nenas, co obxectivo de crear unha xornada familiar, participativa e chea de convivencia. A organización pide confirmar a asistencia antes do mércores 20 de agosto a través do teléfono de contacto facilitado.

⚙ Configurar cookies
0.086838960647583