Santa Comba da Órrea organiza unha comida co motivo do lume vello

A Asociación de Veciños e Veciñas de Santa Comba da Órrea, en Riotorto, para continuar dalgunha maneira a tradición e desfrutar da Área Recreativa da parroquia situada na Casanova, convoca a celebración do Lume Vello, que terá lugar o sábado 28 de xuño ás 13.00. O prezo da inscrición é de 15 euros por persoa a partir de 14 anos.
O lume vello ten lugar na véspera de San Pedro, cinco días despois do lume novo, chamado noutros lugares lume pequeno ou fogueira de San Pedro. É unha celebración case familiar, a diferenza do que pasa co lume novo, no que se xuntaba a xente de cada lugar.
Nesta sesión actuará Toxo Queimado e as persoas que desexen participar poden anotarse con Gervaso (650 558 750) antes do 27.