Santa Comba da Órrea celebra este sábado o primeiro maratón de tute

TerraChaXa | AMariñaXa
Será a partir das 18.00 no local social desta parroquia de Riotorto
torneo-de-tute-orrea-riotorto
19 Mar 2025

O concello de Riotorto acollerá o I Maratón de Tute Santa Comba da Órrea, que se celebrará este sábado, 22 de marzo, a partir das 18:00 horas no Local Social da Órrea. Este evento, organizado pola Comisión de Festas en colaboración coa Asociación de Veciños, promete unha intensa competición para os afeccionados a este tradicional xogo de cartas.

Os participantes competirán por importantes premios, sendo o primeiro de 900 puntos, o segundo de 500 puntos e o terceiro de 200 puntos. Ademais, haberá unha rolda de repesca, na que os tres primeiros clasificados recibirán 300, 200 puntos e dúas caixas de viño Rioja, respectivamente. Os premios están calculados para un total de 32 parellas, polo que, no caso de non acadar esa cifra, os premios serán axustados proporcionalmente.

A inscrición terá un custo de 100 puntos por parella e poderá realizarse ata hoxe, mércores 19 de marzo, ás 24:00 horas, contactando con Gervasio, Hilda ou Nerea nos teléfonos indicados na convocatoria.

Para completar a xornada, ás 21:00 horas terá lugar unha cea a base de churrasco de porco, viño e auga, que servirá como punto de encontro e convivencia entre os participantes e asistentes.

⚙ Configurar cookies
0.084044933319092