Sanidade relaxa a mobilidade nocturna e amplía horarios da hostalaría
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, informou esta mañá en rolda de prensa, das decisións acordadas polo Comité clínico na súa xuntanza de onte, e entre as que destaca a supresión da limitación de xuntarse na vía pública con persoas non convinventes durante a madrugada.
O anuncio prodúcese logo de que a comunidade galega rexistrase varias xornadas de mellora nos seus datos epidemiolóxicos, atopándose na actualidade nunha “situación de estabilidade”, tal e como remarcou o titular do departamento sanitario da Xunta.
Neste senso, a incidencia acumulada en Galicia sitúase arestora en 1.327 casos por cada 100.000 habitantes, e é de 3.007 casos no seu cómputo a 14 días. A razón de taxas sitúase no 0,8%; e a porcentaxe de positividade diminuíu até o 21,5%, sendo a menor de todo o territorio español.
Tras avaliar os datos epidemiolóxicos da comunidade, o grupo de expertos que asesora á Xunta de Galicia na xestión da pandemia acordou tamén recuperar os horarios de apertura na hostalería e na restauración. Así, amplíanse estes horarios até a 1:00 da madrugada -entre as xornadas do domingo e o xoves-, e até a 1:30h durante os días da fin de semana.
Do mesmo xeito, desde o vindeiro sábado 29 de xaneiro, en que entrarán en vigor as novas medidas, as mesas emprazadas no exterior destes locais poderán ter unha ocupación máxima de 15 persoas, manténdose o límite de 8 persoas nas mesas interiores. Así mesmo, voltará a estar permitido o consumo en barras e a realización de cócteles de pé.
No que atinxe aos locais do ocio nocturno, o seu horario de apertura ampliarase até ás 4:30 da madrugada durante os días da semana, e até as 5:00h nos días da fin de semana.
Nestes eidos, e de ser ratificado polo TSXG, durante alomenos 15 días máis seguirá a ser obrigatorio exhibir os certificados covid para acceder aos locais de hostalería, restauración e ocio nocturno durante a totalidade do seu horario de apertura.
Outra decisión salientable no desescalado das medidas acordado polo comité clínico, é a posibilidade de voltar a celebrar concertos e espectáculos de pé.
O conxunto destas medidas entrarán en vigor ás 00:00 horas do vindeiro sábado, 29 de xaneiro.
Protocolo para un entroido seguro
O Comité clínico tamén vén de aprobar o protocolo que elaborou dirección xeral de Saúde Pública co ánimo de gozar da festividade do Entroido dun xeito seguro, e así minimizar o risco de transmisión do coronavirus.
Neste senso, os Concellos deberán adoptar todas as medidas precisas para garantir o uso correcto dos espazos nos que se desenvolvan os desfiles, exhibicións musicais e bailes itinerantes. Así, deberase respectar a distancia de seguridade entre persoas e o emprego da máscara en todo momento, -tanto para os participantes como para o público-. Ademais estará prohibido fumar, incluídos cigarrillos electrónicos, no espazo público.
As condicións da obriga de presentar os certificados covid-19 seguirán a normativa que estea vixente no momento da celebración do Entroido