Sanidade presenta as novas medidas para as xuntanzas de Nadal

TerraChaXa | AMariñaXa
Sanidade presenta as novas medidas para as xuntanzas de Nadal. Descenso de 8 casos activos na provincia en 24 horas
16 Dec 2020

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, presentou esta mañá en rolda de prensa o conxunto de medidas acordadas na derradeira xuntanza do Comité clínico, de cara á celebración das vindeiras festas de Nadal. Así, sinalou que a recomendación principal da Xunta Galicia é que as xuntanzas das celebracións navideñas se cingan a unha única unidade familiar, composta exclusivamente por persoas conviventes.

García Comesaña puntualizou que no caso de non ser posible o cumprimento desta recomendación, o número máximo de unidades familiares aconsellado non debe exceder de dúas.

Por outra banda, no caso de reunirse persoas que pertencen a máis de dúas unidades familiares, o número de persoas adultas que se poden reunir, non poderá exceder da cifra de seis. Sobre este último apuntamento, o conselleiro precisou que os nenos e nenas menores de 10 anos non computarían na contabilización global.

O responsable da carteira sanitaria galega explicou que “é preciso limitar ao máximo as interaccións sociais durante os vindeiros días, co obxectivo de atallar a expansión do coronavirus na comunidade galega”, destacando que, Galicia permanecerá pechada entre o 23 de decembro e o 6 de xaneiro, agás no caso de visitar aos familiares os días de celebración do Nadal, ou por motivos laborais, sanitarios ou educativos.

No que atinxe á mobilidade nocturna e aos horarios de regreso ao domicilio, os días 24 e 31 de decembro, o grupo de expertos que asesora ao Executivo galego fixou ás 1:30 horas como límite para retorno ao fogar.

Decálogo de recomendacións para o Nadal

Co ánimo de optimizar as medidas de prevención e reducir ao máximo a expansión do virus Sars-Cov-2 durante os festexos, o Comité clínico de expertos definiu un decálogo de medidas a ter en conta durante as vindeiras datas.

  • Así, e xunto coa recomendación de cinguir exclusivamente as xuntanzas navideñas a unidades de familiares de conviventes, aconsella que na medida do posible estas celebracións teñan lugar en espazos ao aire libre ou con boa ventilación, e en mesas de amplas dimensións.
  • As mesas deben ser postas pola mesma persoa, quen ademais desinfectará as súas mans dun xeito continuo. Así mesmo, a totalidade dos comensais deberán manter a máscara durante a cea -sempre que sexa posible-, recomendando non compartir nin bebidas nin alimentos durante o festexo.
  • As unidades familiares que se xunten nas noites do 24 e 31 de decembro deberán de ser as mesmas en ambos días, e non ter carácter rotatorio con outra familia.
  • As persoas que visiten aos seus familiares durante as festas de Nadal, e procedan de territorios cun alta incidencia epidemiolóxica, teñen a obriga de inscribirse no rexistro de viaxeiros de Galicia, unha conxuntura que pode levar aparellada a realización dunha proba diagnóstica. Estas probas tamén serán extensivas a todos os estudantes que proveñan de fóra de Galicia, -independentemente do lugar de procedencia-, e incluso se lle realizara a aqueles que se desplacen polo interior da comunidade autónoma, sempre que se inscriban no rexistro de viaxeiros.

O titular de Sanidade apelou unha vez máis á responsabilidade cidadá e ao cumprimento das medidas e recomendacións establecidas, incidindo en que “debemos limitar ao máximo os contactos sociais fóra das unidades familiares”, pois ”non podemos tirar pola borda, todo o traballo e esforzo que levamos realizado nestes meses”.

As medidas acordadas poderán ser obxecto de modificacións de acordo á evolución epidemiolóxica que rexistre a comunidade galega, así, cómpre lembrar que o vindeiro 21 de decembro voltará a reunirse o Comité clínico.

OS DATOS DE HOXE

A provincia de Lugo continúa coa súa tendencia a baixa e chega aos 462 casos activos de covid-19, 8 menos nas últimas 24 horas (onte foron 16). Este dato vén condicionado coma sempre polos 34 novos positivos (onte foron 10) e polas 41 altas (onte foron 28). Ademais hai tamén un acumulado de infectados de 6.685 e 6.082 curados. Mantenso en 140 as persoas que perderon a vida na provincia dende que comezou a pandemia.

A hospitalización baixa en dous casos. Seguen 6 os ingresados na UCI e 18 persoas en planta. No Hula hai 11 (un menos), 3 na Mariña e 4 no de Monforte (un menos).

Por concellos, volven subir os casos en Viveiro ata 20 (9 máis que onte) nos últimos 15 días, e Burela, baixa un, con 13.

Pola contra, O Vicedo, Barreiros, Trabada, Lourenzá, Riotorto, Mondoñedo, O Valadouro e Ourol non tiveron ningún positivo na última quincena e o resto están por debaixo de 10.

0.19599103927612