A veciñanza do Vicedo cumpre un ano protestando pola situación do centro de saúde
O día 1 de decembro ás 11.30 horas terá lugar unha manifestación da veciñanza de O Vicedo ante a situación do centro de saúde. "Será o aniversario das protestas e será algo especial, é unha sorpresa", expón Rubén Rábade, presidente da asociación de Veciños de San Román do Vicedo. Comenta que fai un ano se xuntaron case todas as asociacións da vila para xuntar 1073 firmas da veciñanza esixindo dous médicos. Comezaron con concentracións no centro de saúde e logo fixeron manifestacións, saíndo desde o Concello, cortando a rúa principal ata chegar ao centro de saúde onde len o manifiesto.
Rubén describe a situación que viven: "O centro de saúde non podes ir ao médico cando ti queiras. A través da aplicación hai días nos que o médico non está dispoñible. Houbo varios cambios de médicos, hai veces nas que hai citas médicas, acode a xente e o facultativo recibe unha chamada do Sergas e ten que marchar para Viveiro. As citas dese día quedan anuladas. Habería que ir a Viveiro, moitas veces chegas e te desvían para Burela. Hai dúas prazas asignadas no Vicedo e só se cubriu unha e nin iso porque hai veces que non está o médico ou ten que saír a unha emerxencia".
Isto agrávase cos problemas que "teñen en Viveiro coa falta de pediatras" porque tanto O Vicedo como Ourol dependen diso. Traslada que, un ano despois, non hai nada, as 1070 e tantas firmas foron enviadas á Consellería de Sanidade e ao xefe territorial de Lugo do Sergas, Ramón Ares, "sen recibir ningunha comunicación". Tamén lamenta a actitude por parte do Concello: "É lamentable que pense máis nos intereses do partido que dos cidadáns".
Desde a asociación de Veciños de San Román agardan que a manifestación do 1 de decembro teña boa acollida, xa que foron constantes nas reivindicacións durante este ano: "Recibimos apoio da Plataforma Sanitaria da Mariña e doutras e agradecemos esa axuda porque a sanidade é de todos e debemos loitar sobre todo no rural por un centro de saúde activo que dea servizo aos cidadáns".