Sanción de 6.000 euros ao Real Club Náutico de Ribadeo

AMariñaXa
A Axencia Española de Protección de Datos acaba de impoñer unha sanción ao Real Club Náutico de Ribadeo de 6.000 euros por unha infracción
real club nautico ribadeo
5 Xan 2022

A Axencia Española de Protección de Datos acaba de impoñer unha sanción ao Real Club Náutico de Ribadeo de 6.000 euros por unha infracción do artigo 6.1 do Regulamento Xeral de Protección Datos.

A situación que deu lugar á denuncia ten a súa orixe, segundo a AEPD, nun conflito existente entre a directiva da que formou parte o reclamante (Mario Coto) e a que lle precedeu entre os anos 2012 e 2020. Esa directiva publicou na web e no facebook do Real Club Náutico de Ribadeo unha sentenza de abril de 2019 cos datos de varias persoas sen anonimizar (entre os que se inclúen os do reclamante), incluso sendo recorrida ante o Tribunal Supremo.

A Axencia Española de Protección de Datos considera “que as actuacións xudiciais sexan públicas, non xustifica que eses datos fosen revelados nun ámbito distinto ao proceso xudicial… “. E que “o dereito fundamental do reclamante, a que os seus datos non sexan utilizados nin de forma sorpresiva, nin en redes sociais ou web asociados a unha sentenza íntegra con acceso para terceiros, debe pois prevalecer á exposición xeral obtida da procura”.

Tamén sinala que “orixinariamente, a sentenza íntegra, a pesar da posibilidade de poderse recorrer, figuraba exposta á vez en dúas ligazóns, a web e a páxina de facebook, non implementando ao cabo un eficaz mecanismo de eliminación dos datos”.

O reclamante #ante a AEPD sinala que “este rosario de procedementos xudiciais non acaba aquí, xa que hai dúas denuncias máis interpostas por dous compañeiros da xunta directiva que eu presidín no seu momento”.

Mario Coto engade que “pola miña banda se dá a correspondente publicidade á resolución publicada pola AEPD, nun intento de que a actual xunta directiva do RCNR proceda a convocar a todos os socios da devandita entidade a asemblea xeral, co fin de que poidan decidir as medidas para adoptar que sexan necesarias para esixir as responsabilidades procedentes, accións xudiciais incluídas, a aquelas persoas que formaban parte da xunta directiva ao tempo dos feitos, como consecuencia da utilización indiscriminada dos medios de comunicación social do club (páxina web e facebook) no seu exclusivo beneficio”.

Coto Otero avoga porque “o actual presidente do Real Club Náutico de Ribadeo de conta dos 90.000 euros gastados nos procesos xudiciais por parte da anterior xunta directiva, a que dirixiu o club entre 2012 e 2020, e que explique tamén o estado do contrato do letrado que levou todos eses procesos xudiciais do RCNR”.

0.15726900100708