San Xoán prenderá a noite máxica na praia do Torno con música, lume e sabor

O espírito do San Xoán volverá iluminar a noite cervense coa celebración da tradicional festa organizada polo grupo veciñal A Rebolaxe, coa colaboración do Concello de Cervo. A cita será o luns 23 de xuño a partir das 19:30 horas no aparcadoiro do estanco da Praia do Torno, en San Cibrao, onde se mesturarán música tradicional, gastronomía popular e a inevitable maxia do lume.
A festa comezará coa actuación do grupo de gaitas Saíñas de Xove, que animará o inicio da xornada co seu repertorio de música tradicional galega. Paralelamente, as persoas asistentes poderán gozar de bocadillos de panceta, chourizo e salchicha, que estarán dispoñibles á venda durante toda a tarde.
A música continuará a partir das 21:00 horas co concerto de David y Leo, que traerán ritmos actuais para poñer a bailar ao público, dando paso ao momento máis agardado da noite: a queima da fogueira de San Xoán, prevista para as 23:00 horas.
A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, salientou a importancia de manter vivas estas tradicións: “Estas celebracións populares son parte esencial da nosa identidade e son posibles grazas ao traballo altruísta e constante de colectivos como A Rebolaxe, que un ano máis se implican con entusiasmo para ofrecernos unha noite inesquecible”.
García Caramés fixo tamén un chamamento á participación veciñal e turística: “É unha oportunidade perfecta para reunirnos nun ambiente festivo, con música en directo, boa comida e, por suposto, a maxia da noite de San Xoán arredor da fogueira. Convidamos a todo o mundo a achegarse e vivir esta experiencia tan nosa”.
Dende o Concello destacan o valor destas festas como elemento dinamizador do territorio, xerador de cohesión social e atractivo de visitantes, ao tempo que reivindican a tradición como parte fundamental do futuro.