San Román celebrará o II Festival Espallando Letras no Día das Letras Galegas

O próximo venres 17 de maio, coincidindo coa celebración do Día das Letras Galegas, o pavillón de San Román converterase nun espazo de encontro para a música tradicional, a poesía popular e a cultura da comarca, coa segunda edición do Festival Espallando Letras. O evento, que dará comezo ás 18:30 horas, está promovido pola Asociación de Mulleres Rurais As Espalladoras, a Asociación de Veciños de San Román de Vilaestrofe e o grupo Airiños do Xunco, contando coa colaboración do Concello de Cervo.
A programación do festival inclúe a participación de múltiples agrupacións da Mariña e arredores: Cordenaia, de Airiños do Xunco (Cervo); As Grileiras, o grupo infantil da S.C.R. Ledicia (Burela); As Ferriñas e As Faíscas de Os do 21 (O Vicedo); a Asociación Cultural Osorio Gutiérrez (Lourenzá); e o colectivo Erikas e Peluxías, pertencente ao grupo de Falapandeireta da Escola Vella de Rinlo.
Ademais das actuacións, durante a tarde poderán degustarse racións de empanada e bolos preñados a prezos populares, ofrecendo así unha proposta gastronómica sinxela pero atractiva para acompañar a música e a festa.
O acto de presentación do festival tivo lugar diante da Casa do Concello e contou coa presenza da tenente de alcaldesa, Mali Méndez, do concelleiro de Zona Rural, Adrián Arias, e de representantes das entidades organizadoras. Desde o Concello destacaron a importancia desta cita como unha mostra da vitalidade cultural da zona: “Queremos convidar a toda a veciñanza e aos visitantes a participar deste encontro tan fermoso, que pon en valor as nosas letras, a nosa lingua e a nosa identidade”, sinalaron.
Nesta edición, o Día das Letras Galegas rende homenaxe ás cantareiras e á poesía popular galega, unha tradición viva e profundamente enraizada. “Que mellor maneira de celebralo que cun festival que mantén viva esta parte esencial do noso patrimonio inmaterial”, concluíron dende a organización.