San Román acolle unha charla sobre estafas dixitais organizada pola Garda Civil

AMariñaXa
A sesión terá lugar o domingo 18 de maio ás 17:00 horas na Escola do Vilar e está dirixida especialmente ás persoas maiores
plan-seguridade-maior-2022-barreiros-1
14 May 2025

A Garda Civil, no marco do seu Plan Maior de Seguridade, desenvolverá este domingo unha charla-coloquio informativa sobre as estafas dixitais máis comúns, como as que chegan a través de WhatsApp, SMS ou correos electrónicos fraudulentos. A actividade conta coa colaboración da Asociación de Veciños de San Román do Vicedo e terá lugar na Escola do Vilar, situada na parroquia de San Román do Val, ás 17:00 horas do domingo 18 de maio.

O obxectivo principal da sesión é informar, sensibilizar e previr a cidadanía, especialmente ás persoas maiores, que adoitan ser vítimas habituais deste tipo de fraudes. Durante o encontro, os axentes explicarán como detectar as mensaxes fraudulentas, cales son os métodos máis empregados polos estafadores e que pasos seguir no caso de recibir unha comunicación sospeitosa.

A actividade incluirá tamén un tempo para preguntas e intervencións por parte do público, co fin de resolver dúbidas prácticas e casos reais, e fomentar unha comunicación directa cos corpos de seguridade. Dende a organización subliñan a importancia de achegar este tipo de información aos núcleos rurais, onde a fenda dixital pode ser maior e o risco de caer neste tipo de enganos aumenta.

A Garda Civil insiste na necesidade de non compartir datos persoais nin bancarios por medios electrónicos non seguros e lembra que nin entidades bancarias nin organismos oficiais solicitan claves ou códigos por mensaxería instantánea.

⚙ Configurar cookies
0.16314601898193