San Pedro de Benquerencia acolle a entrega dos Bíteres de Honra Aurora Sampedro 2025

O lugar do Canteiro, na parroquia de San Pedro de Benquerencia, converterase o vindeiro domingo, 28 de decembro, no escenario da entrega dos Bíteres de Honra Aurora Sampedro 2025. O evento está promovido polo Centro de Instrucción e Recreo de Benquerencia e conta coa colaboración da Xunta de Galicia.
A programación dará comezo ás 17:00 horas coa presentación do libro Premios Bítere de Honra 2024, unha publicación da autoría de Manuel Rivero Pérez que recolle o espírito e a traxectoria destes recoñecementos. Xa ás 18:00 horas terá lugar o acto central da xornada, no que se procederá á entrega dos Bíteres de Honra Aurora Sampedro 2025.
Nesta segunda edición dos premios, os galardóns recaen en Xesús Mato, a título póstumo; Galicia Digital, como entidade recoñecida polo seu labor institucional; e Yolanda Martínez Bajo, directora de Talento e Cultura do BBVA. A condución do acto correrá a cargo do profesor Bernardo Penabade.
Desde a organización destacan o carácter emotivo e simbólico desta cita, que serve para lembrar e poñer en valor a figura de Aurora Sampedro Piñeiro, científica e investigadora de referencia. Por este motivo, fan un chamamento á veciñanza e ao público en xeral para participar nun evento que busca, un ano máis, renderlle unha merecida homenaxe.