San Miguel de Reinante será escenario dunha xornada lúdica pola inclusión

AMariñaXa
DiversiPrix reunirá o 29 de xuño a rapazada con e sen diversidade funcional para promover o lecer compartido e accesible
Barreiros-Asociacion-Guillem-Veiga-Iglesias-DiversiPrix-2025-1
7 Jun 2025

O campo da festa de San Miguel de Reinante, no Concello de Barreiros, acollerá o vindeiro sábado 29 de xuño a xornada lúdica e deportiva DiversiPrix, unha iniciativa promovida pola Asociación Guillem Veiga Iglesias coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e do Concello de Barreiros.

Baixo o lema “Como enredarnos como iguais”, a proposta ten como obxectivo fomentar a inclusión e a convivencia a través do xogo e a actividade física. Durante a xornada, rapazas e rapaces con diferentes capacidades formarán equipos mixtos para participar nun circuíto de cinco probas que inclúe retos de puntería, percorridos con obstáculos, xogos cooperativos, de lóxica, habilidade e mesmo xogos de mesa en formato xigante, entre outras propostas orixinais como un futbolín humano.

A actividade contará cunha trintena de persoas voluntarias que acompañarán os grupos e velarán polo bo desenvolvemento da xornada. Os materiais estarán adaptados para garantir a accesibilidade, empregando sinalética en braille e pictogramas.

A alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, e o deputado de Mocidade, Daniel García, participaron na presentación xunto aos impulsores da asociación, Carmen Iglesias e Nicolás Veiga, e destacaron o valor desta proposta como “unha oportunidade para compartir, xogar e aprender desde o respecto á diversidade”. Ambos representantes institucionais animaron á veciñanza a sumarse a unha actividade “que transmite valores tan importantes como a empatía, a cooperación e a igualdade real”.

A Asociación Guillem Veiga Iglesias, con sede en San Miguel de Reinante, naceu en 2018 en homenaxe ao pequeno Guillem e dende entón traballa por mellorar a calidade de vida das familias da Mariña. Desenvolven accións de apoio, asesoramento, formación e sensibilización en materia de diversidade funcional, cun marcado carácter comunitario e sen ánimo de lucro.

⚙ Configurar cookies
0.17004799842834