San Miguel de Reinante celebrou con éxito a tradicional feira de gando de San Rosendo

San Miguel de Reinante, en Barreiros, celebrou a tradicional Feira de Gando de San Rosendo, cunha gran afluencia de público e a colaboración da área de Rural, que nos últimos anos apoiou a labor da Comisión de Festas para poñer en valor a tradición gandeira desta festividade.
As razas autóctonas foron as protagonistas do evento, que reuniu exemplares de cabalos de Pura Raza Galega, Porco Celta, Ovella e Cabra Galegas, así como vacún das razas Cachena, Limia e Caldelá. Ademais, participaron gandarías da Mariña con gando cabalar de monte, enriquecendo unha feira que tamén contou con actividades lúdicas e exhibicións como demostracións de pastoreo con Border Collie e unha xincana ecuestre.
O deputado de Rural, Daniel García, agradeceu a implicación das ganderías e gandeiros que achegaron os seus animais e destacou a importancia do sector para o sostemento do rural. Tamén salientou o éxito da iniciativa gastronómica "Un gusto de rural, un rural degusto", na que os bares de San Miguel serviron tapas con carne de poldro de Pura Raza Galega durante a fin de semana.
No apartado de premios, destacaron Lenda do Couto, Domingo de Boimente e Gitana Fr como mellores exemplares de Pura Raza Galega en éguas, sementais e poldros, respectivamente. Na categoría de cabalo do monte en corraleta, a Gandaría Finca Loureiro levou o primeiro premio, mentres que en cabalar non Pura Raza Galega, Brisa, Tizón e Rosenda foron os mellores exemplares en cada categoría.
No sector bovino, os premios recaeron en Marco Vázquez na raza Cachena, Alejandro Salvatierra na raza Caldelá e David López na Limia. O burro fariñeiro Pachú de Moisés García tamén foi galardoado, así como Luís Fernández Fernández e Diego Vidal Rey nos lotes de ovino e caprino. O mellor lote de Porco Celta foi para Lucinda Monasterio.
A feira, que combinou tradición, exhibicións e gastronomía, reafirmou a importancia da gandería no desenvolvemento do rural e no mantemento das razas autóctonas.