San Martiño prepárase para celebrar o Obispo Santo 2025 cunha festa chea de música, tradición e sabor

A parroquia de San Martiño, en Foz, ultima os detalles para acoller unha nova edición da emblemática festa do Obispo Santo, que este 2025 promete superar expectativas cun programa diverso e pensado para todos os públicos. As celebracións desenvolveranse principalmente nos lugares de Forxán e Mourente, combinando actos relixiosos, música en directo e actividades culturais e lúdicas.
Os festexos comezarán o domingo 4 de maio cun acto simbólico: a misa e o traslado da imaxe de San Gonzalo dende a Basílica de San Martiño ata o Monte da Grela, escenario habitual da celebración. Pero será durante a fin de semana do 9 ao 11 de maio cando a festa acade o seu máximo esplendor.
O venres 9 a verbena dará comezo coa actuación dos grupos Mar de Arousa e Combo Dominicano, garantindo unha noite de baile e alegría. O sábado 10 arrancará cunha misa e posterior procesión ás 13:30 horas, seguida dunha animada sesión vermú coa orquestra Principal. Durante a tarde, o programa Tradigalu 2025 traerá a música tradicional do grupo de gaitas Dambara, mentres que o Mago Paco encherá de ilusión os máis pequenos cun espectáculo cheo de fantasía. Pola tarde-noite, desde as 18:00 horas, terá lugar unha sorpresa musical con dous DJs convidados, antes de dar paso á gran verbena da noite a cargo da orquestra Principal e o Grupo Beatriz.
O domingo 11 de maio, a sesión vermú correrá a cargo do Dúo Belinda e da Charanga Louband Street Band, dentro do ciclo Xuntos polo Serán 2025. A celebración terá o seu peche oficial o domingo 18 de maio co regreso da imaxe de San Gonzalo á Basílica de San Martiño. Esa xornada culminará cunha misa ás 18:00 horas e unha gran comida popular onde se servirán pratos típicos como polbo á feira, xamón cocido e churrasco, preparados pola Pulpería A Rochela de Vilalba.
Como novidade, a organización habilitará unha ampla zona de acampada para quen queira vivir a festa sen présas. Por tan só 10 euros por enganche de luz, os asistentes poderán desfrutar da celebración en plena natureza, con todas as comodidades.