San Ciprián celebrará o 16 a Festa do Ourizo
A XXVIII edición da Festa do Ourizo terá lugar o sábado 16 de marzo, en San Ciprián.
A cita foi presentada hoxe polo alcalde de Cervo, Alfonso Villares, a edil de Turismo, Mali Méndez, e por representantes da hostalería local.
A Festa volve contar cun programa cheo de actos e actividades que terán como gran protagonista ao ourizo.
Deste xeito, avanzaron que “un ano máis organizamos un show cooking, que terá lugar na carpa instalada na Praza dos Campos, a partir das 12:00 horas do mediodía, no que gozaremos vendo as habilidades culinarias en vivo de castro prestixiosos/as chefs que cociñarán ante as persoas asistentes sorprendentes e innovadoras receitas elaboradas coa base do ourizo: Manicha do restaurante Rotilio (Sanxenxo), Jorge Gago do restaurante A Maceta (Santiago), Miguel Roquiño do restaurante A do Borlo (Caldas de Reis) e Toñi Vicente, que na actualidade traballa na redacción dun libro sobre a súa dilatada traxectoria culinaria.
Ao remate do show cooking as persoas asistentes terán a oportunidade de probar o resultado desta cociña de vangarda centrada no produto estrela da Festa.
Como en anteriores edicións, tamén se celebrará un concurso gastronómico que está aberto aos locais da hostalería de San Ciprián que participan na festa e que ofrecerán tamén aos visitantes tapas elaboradas a base de ourizo coas que desmostrarán o bo facer que caracteriza aos cociñeiros locais.
Méndez recordou que “durante todo o día os asistentes poderán degustar as tapas nos diferentes establecementos participantes, e tamén na carpa, onde se servirá ourizo cocido da man, nesta ocasión, da asociación Mistura; e ademais, non faltará animación –engadiu- porque a festa estará amenizada todo o día a cargo de A Rebolaxe, Airiños do Xunco, Perkusiona, Os Charangos e Los Támega”.
Ademais haberá sesión vermú desde as 14:00 horas a cargo da orquestra Suavecito; que repetirá pola noite, desde as 22:00 horas coa Orquestra Costa Dorada.
Tamén estará presente nesta nova edición Conservas Artesanais Ares, que ofrecerá oas visitantes unha degustación do seu paté de ourizo.
Ademais, ás 18:00 horas está previsto un masterchef infantil que estará coordinado polos/as chefs parcipantes na Festa “co obxectivo de que os máis pequenos da casa tamén tomen contacto con este produto tan noso, ao tempo que pasarán unha tarde do máis divertida”.
Villares aproveitou a ocasión para convidar a todo o mundo a asistir nesa xornada a San Ciprián, para participar nos diferentes actos programados con motivo desta festa declarada de Interese Turístico Galego desde o 2008; que recordou que “naceu do propio pobo e que a día de hoxe, con máis cuarto de século de vida está máis que consolidada grazas ao esforzo conxunto”.
A Festa do Ourizo –engadiu- é a día de hoxe unha referencia no calendario gastronómico galego o que é un orgullo tamén para nós, como equipo de goberno, que traballamos para tentar enxalzar todas as cualidades positivas deste produto, pero tamén do pobo e de todo o noso municipio que ten moitos atractivos naturais e paisaxísticos que queremos compartir tamén con todas as persoas que nos visiten na Festa do Ourizo”.