San Cibrao volverá ser epicentro gastronómico coa XXXII Festa do Mexillón

O Concello de Cervo vén de presentar unha nova edición da Festa do Mexillón de San Cibrao, unha das celebracións gastronómicas máis emblemáticas da Mariña, que terá lugar o vindeiro sábado 21 de febreiro de 2026. O evento alcanza a súa trixésimo segunda edición, reafirmándose como unha referencia festiva do calendario invernal e como un escaparate destacado para os produtos do mar e a hostalaría local.
Nesta ocasión, un total de dez establecementos da localidade sumaranse á celebración: O Porto, Maruxaina, O Encontro, A Penúltima, Las Titas, O Faro, Bar Habana, O Noso Lar, O Trasgo e Bodega de Ana. Todos eles ofrecerán distintas propostas gastronómicas nas que o mexillón será o ingrediente principal, amosando a versatilidade do produto e a creatividade da cociña local.
A festa completarase cun programa de animación pensado para encher de ambiente as rúas de San Cibrao ao longo da xornada. Ao mediodía actuarán as agrupacións Fol do Raxal e A Rebolaxe, mentres que a partir das 19:00 horas a música continuará coa Charanga da Carmiña e a Charanga TNT, achegando un carácter festivo e popular ao evento.
A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, salientou que “a Festa do Mexillón é xa unha cita imprescindible no noso calendario, unha oportunidade perfecta para dinamizar a hostalaría local e atraer visitantes nunha época do ano na que tamén é importante xerar movemento económico”. A rexedora puxo en valor o impacto positivo que este tipo de iniciativas teñen no tecido económico e social do municipio.
García Caramés subliñou tamén que “desde o Concello seguimos apostando por eventos que poñen en valor os nosos produtos do mar e que reforzan a identidade mariñeira de San Cibrao”, destacando que esta celebración representa “a unión entre tradición, gastronomía e convivencia”.
Desde o Concello animan tanto á veciñanza como ás persoas visitantes a achegarse a San Ciprián para gozar dunha xornada pensada para todos os públicos, na que o mexillón será o gran protagonista, acompañado de música, ambiente festivo e unha ampla oferta gastronómica.