San Cibrao prepárase para conmemorar os 40 anos da Festa da Maruxaina

O Concello de Cervo organizará o vindeiro sábado 9 de agosto unha edición moi especial da emblemática Festa da Maruxaina, que este ano celebra o seu 40 aniversario. A cita, que terá lugar en San Cibrao, promete unha intensa fin de semana con propostas para toda a veciñanza e visitantes, consolidando a súa condición de Festa de Interese Turístico Galego.
Durante os festexos non faltarán os actos máis esperados, como o tradicional desembarco e xuízo popular da Maruxaina, ademais doutras actividades culturais, musicais e lúdicas, que se manterán en segredo para sorprender ao público.
Co obxectivo de garantir un ambiente seguro e inclusivo, habilitarase un posto de seguridade e instalarase un punto lila de atención contra a violencia machista.
A presentación oficial do evento contou coa participación da alcaldesa, Dolores García Caramés, así como das concelleiras Pilar Armada e Mali Méndez, os edís Alfredo Fernández e Adrián Arias, e representantes das asociacións colaboradoras: Mar de San Ciprián, Mulleres de San Ciprián, Amigos da Maruxaina, xunto á creadora do cartel desta edición, Blanca Fernández Dacal.