San Cibrao prepárase para a XXXII Festa do Ourizo cun amplo programa gastronómico e musical

AMariñaXa
A celebración, declarada de Interese Turístico Galego, terá lugar o sábado 15 de marzo
cervo-presentacion-festa-ourizo-2025
25 Feb 2025

San Cibrao acollerá o sábado 15 de marzo a XXXII edición da Festa do Ourizo, unha cita que rende tributo a este manxar do mar e á riqueza gastronómica da comarca. O evento, declarado de Interese Turístico Galego, contará cun amplo programa de actividades que combinan cociña en vivo, degustacións e animación musical ao longo de toda a xornada.

A festa foi presentada pola tenente de alcaldesa, Mali Méndez, o concelleiro Alfredo Fernández, e representantes da hostalería local e da asociación Mistura, que colaboran activamente na organización do evento.

A programación arrancará ás 12:00 horas cun showcooking en directo, onde os asistentes poderán presenciar a elaboración de tapas a cargo de recoñecidos chefs e degustar as súas creacións. Paralelamente, a asociación Mistura ofrecerá unha degustación de ourizo cocido na carpa instalada na Praza dos Campos.

Os establecementos participantes –O Noso Lar, As Titas, Bodega de Ana, O Faro, A Penúltima, Maruxaina e Bar Habana– sorprenderán aos visitantes cunha ampla variedade de receitas elaboradas con ourizo do mar.

A xornada estará amenizada por agrupacións musicais, incluíndo pasarrúas a cargo das charangas Europa e Santa Compaña durante a tarde. Xa pola noite, a partir das 23:00 horas, a orquestra Cordosom encargaráse de poñer ritmo á celebración na Praza dos Campos.

A alcaldesa destacou a importancia desta festa, asegurando que “é moito máis que un evento gastronómico; é unha celebración da nosa identidade, unha oportunidade para compartir con veciños e visitantes a esencia do noso territorio a través deste produto tan especial”.

Tamén quixo poñer en valor o traballo dos hostaleiros, “que ano tras ano logran transformar o ourizo do mar en auténticas obras de arte culinarias, combinando respecto pola tradición con innovación e creatividade”.

Desde o Concello de Cervo convidan a toda a veciñanza e visitantes a gozar dun dos produtos máis emblemáticos do litoral galego e dunha festa que desde 2008 leva con orgullo o distintivo de Interese Turístico Galego.

⚙ Configurar cookies
0.18122696876526