San Cibrao prepárase para a gran xornada da Foliada Nordestía

San Cibrao prepárase para acoller este sábado 28 de marzo a décima edición da Foliada Nordestía, un evento que cumpre xa unha década promovendo a música e a cultura tradicional da bisbarra. A xornada promete encher a vila de ambiente festivo e actividades para todos os públicos.
O programa dará comezo ás 12:00 horas cos Cantos de Taberna, que se desenvolverán polos diferentes locais hostaleiros da vila, creando un ambiente animado desde o inicio da mañá. Simultaneamente, entre as 12:00 e as 14:00 horas, terá lugar un obradoiro de cerámica, aberto a todas as persoas interesadas en aprender esta artesanía tradicional.
Ás 15:00 horas celebrarase o xantar popular, un dos momentos máis esperados do día, que combina gastronomía, convivencia e música. Pola tarde, a programación continuará con máis obradoiros: de 16:30 a 18:30 horas terá lugar un segundo obradoiro de cerámica, e ás 18:00 horas desenvolverase un obradoiro de iniciación ao baile tradicional, guiado por Iago de Vicente, pensado para todos os niveis.
Xa pola noite, a Foliada acollerá o seu momento máis destacado: ás 19:30 horas comezará o Festival, no que actuarán Os Carecos, Clan Maragato e Lamatumbá, garantindo música e festa ata ben entrada a noite. Para rematar, a xornada continuará coa sesión Tradi de Conxuro Discomóbil, que prolongará a celebración ata altas horas.
A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, sinalou que “alcanzar a décima edición da Foliada Nordestía é un motivo de orgullo para o noso concello, porque significa que este evento medrou e consolidouse como un referente cultural en toda a bisbarra”. García Caramés destacou tamén o labor do grupo A Rebolaxe, “que leva anos mantendo viva a nosa tradición e facendo que a música e o baile tradicional sigan chegando ás novas xeracións”. Segundo engadiu, “o noso folclore é historia viva, identidade e comunidade; e iniciativas como esta demostran que a tradición non só se conserva, senón que se celebra e se reinventa”.
Desde o Concello de Cervo convidan a veciñanza e visitantes a participar nesta xornada de convivencia, música e tradición, asegurando que a festa e o bo ambiente estarán garantidos durante toda a xornada.