San Cibrao ofrecerá unha ruta en kaiak dentro do programa Enredando no Verán

O vindeiro 22 de agosto o peirao de San Cibrao converterase no punto de partida dunha nova aventura dentro do programa Enredando no Verán, impulsado polo Concello de Cervo. A proposta, unha ruta en kaiak, estará dispoñible en horario de mañá, de 12:30 a 14:00 horas, e de tarde, de 16:00 a 20:00 horas. As persoas interesadas poderán inscribirse no propio peirao, momentos antes do inicio da actividade.
Desde o Concello destacan que a iniciativa ofrece á mocidade unha oportunidade para descubrir o mar de San Cibrao desde unha perspectiva diferente, combinando deporte e contacto coa natureza nunha experiencia apta para todas as idades.
Esta actividade súmase á ampla programación de Enredando no Verán, un proxecto municipal que aposta polo lecer activo, creativo e educativo como ferramenta de socialización e aprendizaxe. Dentro desta proposta inclúense tamén obradoiros de ioga e espazos de educación emocional, nos que as crianzas desenvolven a súa capacidade para identificar e xestionar sentimentos nun ambiente seguro e lúdico. Sesións nas que contan, ademais, coa compañía de Tila e Vilma, dúas cadelas especialmente adestradas que axudan a crear un entorno relaxado e acolledor.
O Concello de Cervo sinala que o programa continuará durante todo o verán con novas propostas adaptadas ás diferentes idades, apostando por actividades que combinen o benestar físico e mental co xogo e o traballo en equipo.