San Cibrao despedirá o 2025 cunha animada San Silvestre para todas as idades

San Cibrao xa se prepara para pechar o ano con deporte e entusiasmo coa celebración da I Carreira Popular San Silvestre A Fume de Carozo, unha cita aberta a toda a veciñanza e pensada para participantes de todas as idades. A proba terá lugar o 31 de decembro, ás 12:00 horas, na Praza dos Campos, que se converterá no epicentro dun evento festivo que combinará exercicio físico, convivencia e espírito de despedida do ano.
A carreira contará con diferentes categorías adaptadas ás idades das e dos corredores: a distancia absoluta, de 5 km, pensada para quen queira poñer a proba a súa resistencia; e tres percorridos infantís de 1.800 metros, 850 metros e 200 metros, deseñados para que os máis pequenos tamén gocen da experiencia deportiva.
A participación é totalmente gratuíta, e as persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición a través dun formulario en liña. Desde a organización subliñan que se trata dunha actividade aberta, accesible e pensada para que toda a familia desfrute dun ambiente saudable e festivo antes de dar a benvida ao novo ano.
O evento está organizado polo Club de Trail A Fume de Carozo, coa colaboración do Concello de Cervo, que anima á cidadanía a sumarse a esta primeira edición, chamada a converterse nun encontro deportivo de referencia no concello. “É unha oportunidade fantástica para despedir o ano en movimiento e compartir unha xornada diferente en comunidade”, sinalan desde o club.