San Cibrao celebrará as Festas do Carme cun amplo programa para todos os públicos

AMariñaXa
Haberá propostas culturais, relixiosas e musicais nunha cita emblemática na localidade
cervo-carme
10 Jul 2025

O Concello de Cervo convida á veciñanza e a quen visite a vila a participar nas tradicionais Festas na honra á Virxe do Carme, que se desenvolverán en San Cibrao entre os días 12 e 16 de xullo. A programación inclúe propostas culturais, relixiosas e musicais dirixidas a todos os públicos, mantendo viva unha das celebracións máis emblemáticas da localidade.

As festas comezarán o sábado 12 cunha mexillonada popular na Praza dos Campos a partir das 20.00 horas, organizada pola Asociación Amigos da Maruxaina. O luns 14, a praza do Lugar converterase en escenario coa representación teatral A Tarabela Ambulante.

O martes 15 será o día grande. Pola mañá haberá sesión vermú coa orquestra Salsarena. Xa pola noite, ás 21.00 horas, celebrarase a tradicional Misa Solemne na Igrexa Parroquial de Lieiro, cantada pola Coral Terramar. Tras a misa, terá lugar a emotiva procesión da Virxe do Carme ata o peirao, acompañada pola Banda de Música San Inocencio de Burela e organizada pola Asociación Mar de San Cibrao. Esta incluirá unha homenaxe especial a Ángel Ramón Villares Núñez e Mari Luz Bertolo Álvarez, "que durante anos colaboraron activamente coa organización da procesión".

Ao rematar, a Praza dos Campos acollerá unha gran verbena coas actuacións da orquestra Salsarena e o grupo Arizona.

O mércores 16, as celebracións continúan cunha misa solemne no peirao ás 12.00 horas, tamén cantada pola Coral Terramar. Ao seu remate, terá lugar unha ofrenda floral na honra aos mariñeiros falecidos, a cargo de Mari Carmen Pena Coldeira, seguida da procesión de volta á Igrexa de Lieiro, acompañada polo grupo de gaitas A Rebolaxe.

Ese día, o Grupo La Bamba animará a sesión vermú e repetirá pola noite na verbena xunto á orquestra Fania Blanco Show, a partir das 22.00 horas.

A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, destacou que “estas festas son unha das máis especiais e arraigadas da nosa vila, e queremos convidar a todos os veciños, veciñas e visitantes a participar e gozar con responsabilidade de cada unha das propostas programadas”. Ademais, quixo agradecer “a todas as persoas, colectivos e asociacións que colaboran para facer posible esta celebración, mantendo vivas as nosas tradicións e o noso espírito mariñeiro. O seu traballo desinteresado e comprometido é fundamental”.

O Concello fixo tamén un recoñecemento especial á labor da Asociación Mar de San Cibrao, Amigos da Maruxaina, Anxuela, Mulleres de San Cibrao –que se encargan da decoración floral– e aos grupos culturais e musicais como A Rebolaxe e a Coral Terramar, xunto co voluntariado que contribúe a manter vivo este festexo tan emblemático.

⚙ Configurar cookies
0.16422605514526