San Cibrao celebrará a mediados deste mes as súas festas na honra da virxe do Carme

AMariñaXa
San Cibrao celebrará a mediados deste mes de xullo as súas Festas na Honra da Virxe do Carme. Serán do 14 ao 17 de xullo.
San Cibrao festa Carmen 2022
8 Jul 2022

San Cibrao celebrará a mediados deste mes de xullo as súas Festas na Honra da Virxe do Carme. A cita, que foi presentada polas edís de Cultura, Servizos Sociais e Medio Ambiente, Dolores García Caramés, Pilar Armada e Mali Méndez, respectivamente, e por unha representación das asociacións A Anxuela, Mar de San Cibrao e Amigos da Maruxaina, que organizan as diferentes actividades, desenvolverase desde o xoves 14 de xullo ata o domingo 17 con múltiples citas gastronómicas e musicais.

Así o día 14, na Praza dos Campos, terá lugar unha Festa do Mexillón, a partir das 20:00 horas, na que se servirán racións deste molusco por parte da asociación Amigos da Maruxaina, que estará amenizada por gateiros e tamén por DJ Ovo.

O venres, 15, ás 14:00 horas, está prevista a sesión vermú a cargo da orquestra Acordes, que repetirá na verbena co Grupo Arizona. Ese mesmo día, ás 21:00 horas haberá misa solemne na Igrexa Parroquial de Lieiro, seguida da procesión do Carme ata o peirao, coa incorporación de San Cibrao e San Andrés, acompañados en pasarrúas da agrupación musical Dambara-San Inocencio de Burela. A procesión está organizada pola Asociación Mar de San Cibrao.

Xa o sábado haberá misa solemne no peirao, e ao remate terá lugar unha ofrenda floral na honra dos mariñeiros falecidos, a cargo de María del Pilar Bermúdez.

A continuación terá lugar a procesión e a sesión vermú coa orquestra salsarena que repetirá á noitiña; a partir das 23:00 horas. A continuación collerá o testigo a Disco Móvil Chocolate.

O punto e final das festas poñerao a asociación cultural Xacarandaina, que realizará un percorrido pola vila e actuará na Praza dos Campos, a continuación. 

O rexedor, Alfonso Villares, quixo agradecer “a entrega e a dedicación a esas persoas, a eses compañeiros, que fan posible que podamos desfrutar deses días de confraternidade e divertimento en compañía dos nosos; que tanto botábamos de menos”.

Villares recordou a importancia que ten esta festividade para a vila “ O Carme consegue reforzar esa identidade de vila mariñeira que caracteriza a San Cibrao –precisou- “un pobo no que neses días se respira un especial sentimento de comunidade palpable en cada reencontro, en cada instante de alegría compartida e, moi especialmente, nese emotivo percorrido da nosa Patroa a ombreiros polas rúas do pobo, engalanadas para a ocasión”

O alcalde quixo convidar, do mesmo xeito, á veciñanza e visitantes  “a que participedes de forma activa de cada un dos actos programados que tratan de conectar con todos os públicos”; non dubidedes –engadiu- “en trasladar esta invitación a todos aqueles dos que vos gusta rodearvos, como boa mostra da hospitalidade que caracteriza á xente de San Cibrao”.

0.1696720123291