San Cibrao celebrará a décima edición da Foliada Nordestía cunha xornada chea de música e tradición

AMariñaXa
O encontro cultural reunirá cantos de taberna, obradoiros, xantar popular e concertos de Lamatumbá, Os Carecos e Clan Maragato
Cervo-presentacion-Nordestia-san-cibrao-2026
14 Mar 2026

A vila mariñeira de San Cibrao acollerá o sábado 28 de marzo unha edición moi especial da Foliada Nordestía. O encontro de música e cultura tradicional chega á súa décima convocatoria convertido nunha cita consolidada dentro do calendario cultural da comarca, cun amplo programa de actividades pensado para dinamizar as rúas da localidade durante toda a xornada.

A celebración terá lugar no municipio de Cervo e está organizada pola asociación A Rebolaxe, contando un ano máis coa colaboración da Deputación de Lugo. A programación combina música, artesanía, baile e gastronomía, convertendo o evento nun espazo de encontro arredor da cultura popular galega.

A actividade comezará ás doce do mediodía cos tradicionais Cantos de Taberna, nos que participarán arredor dunha decena de agrupacións de música tradicional procedentes de diferentes puntos da comarca da Mariña, da Terra Chá, da cidade de Lugo e tamén do concello coruñés da A Capela. Estes grupos percorrerán distintos locais hostaleiros e rúas da vila, enchendo de música o ambiente ata a hora do xantar.

Paralelamente, entre as doce e as dúas da tarde, desenvolverase un obradoiro de cerámica aberto ao público. Xa ás tres da tarde terá lugar o tradicional xantar popular, un dos momentos máis agardados da xornada, no que veciñanza e visitantes poderán compartir mesa e ambiente festivo.

A programación continuará pola tarde con novas actividades. Entre as 16:30 e as 18:30 horas repetirase o obradoiro de cerámica, mentres que ás seis da tarde comezará un obradoiro de iniciación ao baile tradicional impartido por Iago de Vicente, pensado especialmente para aquelas persoas que queiran achegarse aos pasos básicos do folclore galego.

Un dos momentos centrais da xornada chegará ás 19:30 horas coa celebración do festival musical na Praza dos Campos. Sobre o escenario actuarán as formacións Os Carecos, Clan Maragato e Lamatumbá, que ofrecerán un espectáculo pensado para prolongar a festa ata ben entrada a noite.

A celebración continuará posteriormente cunha sesión Tradi amenizada pola formación Conxuro Discomóbil, que porá o broche final a unha xornada dedicada á música e á convivencia.

Durante a presentación do programa, a alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, destacou a importancia de alcanzar a décima edición deste encontro cultural. Segundo indicou, “chegar a este número redondo é un motivo de orgullo para o concello, porque significa que a Foliada Nordestía medrou e consolidouse como unha referencia cultural en toda a comarca”.

A rexedora puxo tamén en valor o traballo desenvolvido pola asociación A Rebolaxe ao longo dos anos na conservación e difusión da música tradicional galega. Na súa opinión, a actividade desta agrupación contribúe a que a tradición continúe viva e siga chegando ás novas xeracións.

Pola súa banda, o deputado de Mocidade da Deputación de Lugo, Daniel García, destacou durante a presentación do evento o labor constante que realiza a asociación organizadora. Segundo explicou, a celebración desta décima edición é posible grazas ao traballo continuado de promoción da música tradicional que desenvolve o colectivo tanto coa súa actividade musical como coa organización de aulas formativas ao longo de todo o ano.

Desde o Concello de Cervo animan á veciñanza e ás persoas visitantes a achegarse a San Cibrao para participar nunha xornada na que a música, a tradición e o ambiente festivo volverán converterse nos grandes protagonistas.

PROGRAMA

0.12699198722839