San Cibrao celebra o 7 de marzo a XXXIII Festa do Ourizo cun programa gastronómico, musical e cultural

AMariñaXa
A localidade acollerá showcooking, degustacións e actuacións para homenaxear a tradición mariñeira e o produto do mar
Cervo-Festa-Ourizo-2026
26 Feb 2026

A vila de San Cibrao prepárase para vivir a XXXIII edición da Festa do Ourizo de San Cibrao, que terá lugar o sábado 7 de marzo e que converterá o equinodermo en protagonista dun programa festivo dedicado á tradición gastronómica local e á estreita relación histórica da localidade co mar.

A presentación do evento contou coa participación da alcaldesa Dolores García Caramés, do concelleiro Adrián Arias, da edil Mali Méndez e de representantes da hostalería local e da asociación Mistura, entidade implicada na organización dun encontro que conta coa distinción de Interese Turístico Galego desde 2008.

O programa dará comezo ao mediodía cun espectáculo de showcooking aberto ao público, no que diversos chefs mostrarán en directo a preparación de receitas baseadas en ourizo do mar. A continuación, os asistentes poderán degustar as tapas elaboradas durante a demostración gastronómica.

A asociación Mistura ofrecerá tamén unha degustación de ourizo cocido baixo a carpa instalada na Praza dos Campos, espazo central da celebración.

Durante toda a xornada, os establecementos participantes —O Noso Lar, As Titas, Bodega de Ana, O Faro, bar El Puerto, Cervecería A Penúltima, Maruxaina e Bar Habana— servirán diferentes propostas culinarias aos visitantes.

A música acompañará a festa con actuacións de Fol de Raxal ao mediodía e cos pasarrúas das charangas Fuego Street Band e Os Atrevidos pola tarde. Xa na noite, a partir das 23:00 horas, a orquestra Cordosom amenizará a velada.

A rexedora destacou que “a Festa do Ourizo é moito máis ca un evento gastronómico; é unha celebración da nosa identidade mariñeira e do vínculo profundo que o municipio mantén co mar”. Así mesmo, puxo en valor o labor da hostalería local, sinalando que “os nosos profesionais transforman o ourizo en pequenas obras de arte culinaria, combinando tradición e innovación”.

Como antesala da festa, o venres celebrarase na Casa da Cultura de Cervo, a partir das 19:00 horas, o tradicional concurso gastronómico do ourizo. Un xurado especializado avaliará as propostas atendendo a criterios de sabor, presentación e creatividade.

Algunhas das elaboracións premiadas poderán degustarse posteriormente durante a celebración do 7 de marzo, permitindo ao público gozar das mellores propostas culinarias nun ambiente festivo.

0.15221309661865