San Cibrao celebra o 40 aniversario da Maruxaina

O vindeiro sábado 27 de setembro, San Cibrao vestirá as súas mellores galas para conmemorar o 40 aniversario da Maruxaina, unha cita que xa forma parte da identidade cultural da Mariña lucense.
A celebración dará comezo ás 12:00 horas, coa xuntanza de maruxainas e maruxainos diante do Museo do Mar. Desde alí partirá un animado pasarrúas cara á Penaméa, amenizado polos grupos A Rebolaxe e os Gaiteiros de San Ciprián, que acompañarán á Maruxaina no seu día grande.
Ás 14:00 horas, a Praza dos Campos acollerá unha sesión vermú co Dúo Tropical, antes de dar paso ao xantar popular ás 15:00 horas, no que se entregará unha peza conmemorativa deseñada por Ánxel Cao como recordo especial desta edición.
A música continuará durante a tarde co propio Dúo Tropical e a disco móbil Conxuro, que animarán a veciños e visitantes. E como non podía faltar, a xornada rematará cunha queimada popular, símbolo de unión e festa que pon a guinda a un aniversario moi especial.
As invitacións poden retirarse ata o 19 de setembro, cun prezo de 30 euros para socios titulares e 35 euros para non socios.


