San Cibrao afonda na alma dos hórreos cunha charla sobre o seu valor simbólico

AMariñaXa
Mariña Patrimonio convida a descubrir o patrimonio inmaterial galego da man da arqueóloga e antropóloga Ana Filgueiras
Marina-patrimonio-charla-agosto
Estado actual do Castro Fazouro, no Concello de Foz. FOTOGRAFÍA: Mariña Patrimonio
2 Aug 2025

O vindeiro mércores 6 de agosto, ás 18:30 horas, o Museo do Mar de San Cibrao converterase nun espazo para redescubrir o significado profundo dos hórreos galegos, grazas á charla organizada por Mariña Patrimonio baixo o suxestivo título “Os hórreos, altares do vento”.

A relatora será Ana Filgueiras, recoñecida arqueóloga e antropóloga cunha ampla traxectoria na investigación do patrimonio inmaterial non só en Galicia, senón tamén en Portugal, Francia e Suíza. Filgueiras afondará no simbolismo e nas funcións culturais que se agochan tras estas emblemáticas construcións tradicionais, ás que habitualmente se lles asocia un uso exclusivamente agrícola.

Segundo adiantan desde a organización, a especialista abordará cuestións como os nomes dos lugares, as antigas divisións territoriais e os ritos vencellados ao mundo rural, ofrecendo unha perspectiva nova sobre os hórreos como elementos clave da identidade e da memoria colectiva.

A entrada é libre e está aberta a toda a cidadanía, nunha actividade que busca promover a reflexión sobre o patrimonio que nos rodea e que moitas veces pasa desapercibido. Desde Mariña Patrimonio destacan que esta iniciativa forma parte do seu compromiso coa divulgación do legado cultural da comarca e animan a veciñanza a participar activamente.

“Os hórreos son moito máis ca depósitos de millo —indica a entidade organizadora—: son testemuñas dunha forma de vida e dun xeito de entender o territorio que cómpre preservar e coñecer mellor”.

⚙ Configurar cookies
0.16767406463623