San Cibrao acollerá a sexta edición do Torneo Maruxaina de tenis de mesa con medio cento de participantes

O Pavillón da Veiga, en San Cibrao, converterase este sábado 26 de xullo nun auténtico epicentro do tenis de mesa coa celebración do VI Torneo Maruxaina, unha cita organizada polo Club Deportivo San Ciprián coa colaboración do Concello de Cervo. O evento, que dará comezo ás 10:00 da mañá, prolongarase ao longo de todo o día e reunirá arredor de medio cento de deportistas procedentes de distintas comunidades autónomas e tamén do estranxeiro.
A presentación oficial tivo lugar esta semana e contou coa presenza da alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, do responsable da sección de tenis de mesa do club organizador, Fernando Fernández, e do xogador local Estéfano Berruezo. Durante o acto, destacouse a importancia desta proba, xa consolidada dentro do calendario deportivo do verán cervense.
García Caramés sinalou que para o Concello é “un orgullo poder acoller, unha vez máis, esta competición que medra ano tras ano grazas ao esforzo e compromiso do club local”. Salientou tamén que o torneo “vai máis alá do aspecto puramente deportivo, porque promove a convivencia, o encontro entre participantes de diferentes lugares e a participación activa da veciñanza”.
Nesta edición, o torneo reunirá xogadores de Galicia, Asturias, Cantabria, Castela-A Mancha e Italia, o que reforza o seu carácter aberto e a proxección que está a acadar fóra da comunidade. Están previstos trofeos para os catro primeiros clasificados, nunha competición que combinará intensidade, deportividade e espectáculo para todos os públicos.
Desde a organización, Fernando Fernández destacou o labor que se realiza durante todo o ano desde a sección de tenis de mesa do Club Deportivo San Ciprián, e animou a toda a cidadanía “a achegarse ao pavillón e vivir unha xornada apaixonante de deporte e amizade”.
Dende o Concello tamén se fixo un chamamento á participación, agradecendo “o traballo constante e entusiasta” do club e sinalando que este tipo de eventos “contribúen a dar visibilidade a disciplinas deportivas menos mediáticas, pero cunha base sólida e en crecemento”.
O VI Torneo Maruxaina de Tenis de Mesa promete, unha vez máis, ofrecer unha xornada inesquecible tanto para participantes como para o público asistente.