San Cibrao acollerá a IV Gran Festa das Xeracións organizada polo club A Fume de Carozo

AMariñaXa
A cita celebrarase o 4 de abril na Praza dos Campos cun xantar, música en directo e actividades para fomentar a convivencia entre idades
Cervo-festa-xeracions-fume-de-carozo-2026
11 Mar 2026

O club de trail A Fume de Carozo, coa colaboración do Concello de Cervo, volverá organizar a Gran Festa das Xeracións, unha iniciativa que alcanza xa a súa cuarta edición e que pretende reunir persoas de diferentes idades nun ambiente festivo marcado pola convivencia e os reencontros.

O encontro terá lugar o sábado 4 de abril baixo unha carpa instalada na Praza dos Campos, en San Cibrao. A programación da xornada comezará cunha sesión vermú prevista para as 14:00 horas, mentres que o xantar colectivo dará comezo arredor das 15:00 horas.

A presentación desta nova edición contou coa participación da alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, acompañada por integrantes do club organizador. Durante o acto destacouse o carácter aberto e participativo desta proposta, que naceu coa intención de crear un espazo de encontro no que diferentes xeracións poidan compartir experiencias e fortalecer vínculos.

A festa manterá a fórmula que caracterizou as anteriores convocatorias. Así, as persoas asistentes organizaranse en mesas segundo a súa década de nacemento, unha dinámica que facilita que os participantes compartan a celebración con xente da mesma xeración e, ao mesmo tempo, permite coñecer novas persoas e intercambiar recordos e vivencias.

No que respecta ao menú, o prezo establecido será de 35 euros para as persoas non socias do club e de 30 euros para aquelas que forman parte da entidade organizadora. Os tíckets poderán adquirirse ata o 30 de marzo en diversos establecementos hostaleiros da zona.

A xornada festiva completarase cunha actuación musical en directo a cargo do grupo Conxuro, ademais de diferentes sorpresas e sorteos que animarán a celebración ao longo da tarde.

Desde a organización animan á veciñanza de toda a Mariña a participar nesta iniciativa, que cada ano reúne a un número crecente de asistentes. O obxectivo é consolidar esta festa como un punto de encontro interxeracional no que compartir un día de celebración, convivencia e bo ambiente.

0.11739301681519