San Cibrao acolle en xullo dous festivais para celebrar o folclore galego e español

A Praza dos Campos de San Cibrao converterase nun escenario de tradición e cultura os días 19 e 20 de xullo, coa celebración dunha dobre cita folclórica organizada pola asociación Mistura en colaboración co Concello de Cervo. Trátase do Festival Folklórico e do Festival Folklórico Infantil, que reunirán agrupacións de Galicia e doutras comunidades nun evento que mestura espectáculo, relevo xeracional e posta en valor do patrimonio cultural.
A programación arrincará o sábado 19 de xullo ás 20:00 horas co Festival Folklórico, unha mostra que contará coa participación de grupos procedentes de distintos puntos da xeografía española. Así, subirán ao escenario a Asociación Cultural Coros y Danzas Virgen del Socorro, de Tíjola (Almería); a Agrupación Folklórica Chemida, das Palmas de Gran Canaria; e o Grupo Folklórico Mistura, de Lieiro, que actuará como anfitrión da velada.
Ao día seguinte, o domingo 20 ás 19:00 horas, será a quenda dos máis pequenos co Festival Folklórico Infantil, que ten como obxectivo principal garantir a continuidade das tradicións a través das novas xeracións. Neste caso, participarán os grupos Arco da Vella (San Miguel de Reinante), A.C. Osorio Gutiérrez (Lourenzá) e o propio Mistura de Lieiro, nesta ocasión representado polas súas seccións infantís.
A presentación oficial dos festivais contou coa presenza da tenente de alcaldesa, Mali Méndez, e do concelleiro Alfredo Fernández, acompañados de representantes da asociación Mistura. Ambos destacaron o traballo e compromiso da entidade organizadora, así como o valor deste tipo de iniciativas.
“É todo un orgullo para nós acoller propostas coma esta, que poñen en valor a nosa cultura e tradicións e, ao mesmo tempo, dinamizan a vida social e económica do noso concello”, subliñaron desde o equipo de goberno. Engadiron que festivais como estes “dan vida ás rúas de San Cibrao, crean espazos de encontro e son unha oportunidade perfecta para que veciñanza e visitantes poidan gozar e descubrir distintas formas de expresión folclórica, tanto galegas como doutras rexións”.
Desde o Concello convidan a toda a cidadanía e ás persoas que se acheguen á Mariña nesas datas a participar dunha fin de semana “chea de cor, música, tradición e espírito comunitario”. Unha maneira de reforzar o compromiso de Cervo coa cultura e coa preservación e difusión do seu rico patrimonio inmaterial.