San Adriano volverá encher Lourenzá de música e tradición en setembro

AMariñaXa
O campo cuberto acollerá as festas na honra a Santa Filomena entre o 5 e o 7 de setembro con pulpada, verbenas e actuacións culturais
Lourenza-Festas-San-Adriano-2025
16 Aug 2025

Lourenzá prepárase para vivir unha nova edición das festas de San Adriano, que se celebrarán entre o venres 5 e o domingo 7 de setembro. Organizadas na honra a Santa Filomena, as celebracións incluirán gastronomía, música e actividades culturais no campo cuberto, que permitirá desenvolver a programación independentemente do tempo.

O programa arrancará o venres 5 cunha gran polbada e churrascada a partir das 21.30 horas, servida na mesa pola polbería Suso e o bar Sanbet. A noite continuará cunha verbena amenizada polas orquestras Solara e Saudade.

O sábado 6, a misa solemne celebrarase ás 13.30 horas, seguida da sesión vermú coa orquestra Costa Dorada. Pola noite, repetirase a verbena con Costa Dorada, acompañada nesta ocasión pola orquestra Magos.

O domingo 7 será a quenda da Asociación Cultural Osorio Gutiérrez de Lourenzá, que actuará durante a sesión vermú tras a misa solemne das 13.30 horas. A festa prolongarase pola tarde e noite cunha nova sesión vermú e verbena a cargo da orquestra Pontevedra e o Dúo Epo-K.

Dende a organización salientan que o recinto estará cuberto cunha gran carpa para garantir a comodidade dos asistentes. Prevese unha elevada participación veciñal e de visitantes, atraídos polo ambiente festivo e polas actuacións musicais que converterán Lourenzá nun referente lúdico da comarca durante esa fin de semana.

⚙ Configurar cookies
0.22160387039185