Saldoira estrea a súa I Festa do Ovo Frito con Chourizo cunha cea popular e baile

A parroquia de Saldoira, no concello da Pontenova, acollerá o vindeiro sábado 17 de maio a primeira edición da súa “Festa do Ovo Frito con Chourizo”, unha nova proposta gastronómica e lúdica impulsada pola Comisión de Festas de San Pedro da Ribeira. A cita coincide coa celebración do Día das Letras Galegas, o que engade un compoñente cultural á festa.
O evento arrancará ás 22:00 horas cunha cea popular na que os asistentes poderán degustar un prato tradicional composto por dous ovos fritos, un chourizo, patacas, pan, sobremesa, bebida e café. Todo por un prezo popular de 12 euros.
As reservas poden realizarse ata o 15 de maio chamando aos seguintes teléfonos 619 679 667, 636 258 106 ou 610 759 919.
Tras a cea, a festa continuará con música e baile "ata que o corpo aguante", converténdose nun punto de encontro para veciñanza e visitantes nunha noite que promete boa comida, ambiente festivo e celebración da cultura galega.