Saiñas organiza unha nova edición da Foliada da Mariña en Xove: "Son citas que se poden perder co tempo”
Lucía Blanco
A Asociación Cultural Saíñas de Xove volverá a homenaxear a tradición o 14 de setembro nunha nova edición da Foliada da Mariña, unha cita en torno ao baile, á música é a tradición galega, que continúa viva grazas a este colectivo fundado no 1982. “Despois destes anos tan atípicos pola covid e diversas situacións, tiñamos ganas de volver a sacar adiante este tipo de eventos, que para nós son moi importantes, porque se poden ir perdendo co paso do tempo”, conta Jairo Míguez, o presidente.
A proposta naceu tras unha xuntanza de membros do grupo. “Así xurdiu a idea de intentar organizar unha foliada. Viñamos de asistir á que organiza Xacarandaina todos os anos na Coruña e pensamos que sería boa idea tentar ter unha na nosa zona, porque non había”. Nesta décimo sexta convocatoria, na que contan coa colaboración do Concello de Xove, ademais da formación organizadora, estarán Cordenaia, Ledicia, Arco da Vella e As ferriñas, entre outros. “As inscricións van a bo ritmo e practicamente xa temos pechados todos os grupos participantes. Falta concretar algún, pero está todo moi ben encamiñado”.
E, por primeira vez, estrean ao mediodía uns cantos de taberna nos que tamén estarán Espera que vou mexar, Rebolaxe ou Fol do Raxal. Cada un dos grupos participantes terá uns 25 minutos para convencer aos bares de que a súa actuación merece ser a gañadora. “Cremos que é unha moi boa opción poder recuperar eses momentos que tanto se levan feito ó longo dos anos pasados e de amosar polo pobo e polos bares esa cultura tan antiga que había de animar os momentos de estar tomando os viños e crear un bo ambiente”, sinala. O fin de festa virá da man de Nimbos, un grupo de música en galego con base tradicional que bebe de diferentes estilos, dende o folk galego a músicas tradicionais doutros países e que vén de editar o seu primeiro sinxelo.
Os que se animen tamén poderán tomar parte nunha foliada libre coa que pechan o programa da xuntanza deste ano que, aínda que cambiou de localización no último tempo, pois comezou na praia de Esteiro, mantén a mesma esencia que nos seus inicios: tecer lazos entre o colectivo. “Para nós supón pasar un bo día entre todos os membros da asociación, ó final ademais de ser uns días de moitísimo traballo e organización pois tamén sirve para facer esa piña entre nós que tanto nos caracteriza, xa somos de crear moi bo ambiente e estar todos arrimando o ombro cando é preciso”.
Moita preparación
Tal e como fan todos, pois organizar unha proposta así non resulta nada sinxelo. “Implica moito traballo de contacto con grupos, de loxística para ese día, de preparar carpa, son, horarios… Por sorte como presidente non podo estar máis orgulloso do equipo directivo que me acompaña, xa que son uns grandes traballadores e colaboradores”. Míguez agradece a todas as persoas que fan posible esta foliada, un traballo que “saca para o ocio persoal e para a propia diversión fóra do grupo”.
Ese esforzo pode ser a clave da boa acollida coa que goza dende sempre. “A verdade que dende o primeiro ano tivo moita aceptación, tanto na xente de aquí como de turistas que andaban pola contorna e non fixo máis que medrar e mellorar como tal. De seguro que vai saír todo moi ben e teremos unha moi boa presencia de xente disposta a pasar un día diferente e de desfrutar da festa aquí en Xove”.
Recoñecen que propostas deste tipo, ás que unen a Festa do lacón, da que tamén se encargan eles, supoñen “unha maneira de promocionar o municipio e de mostrar as diferentes variedades que se poden ofrecer dentro del. Así como a unión do pobo e da veciñanza en acompañar e apoiar todos estes eventos que tanto custa sacar adiante”. Saíñas sembrou a semente da tradición galega na vila hai máis de 40 anos, pero seguen a loitar por poñer en valor toda a cultura a tradición dos nosos devanceiros. “Pouco a pouco pode que estea gañando máis forza da que tiña. É moi importante facer que sigan vivas a través de todas as actividades posibles e que todos os grupos e asociacións da Mariña traballemos para que sigan durando anos”.