Saeca ofrecerá unha nova liña de avais ao sector pesqueiro

AMariñaXa
A nova liña de avais chega grazas ao acordo entre o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e a SAECA,
pesca mar barco
17 Out 2021

O delegado do Goberno, José Miñones, trasladou ao sector pesqueiro de Galicia a oportunidade que ofrecerá a nova liña de avais que abrirá proximamente a entidade SAECA (Sociedade Anónima Estatal de Caución Agraria)  e que estará dotada con 10 millóns de euros. José Miñones anticipa a convocatoria que nace co obxectivo de favorecer o investimento dos operadores en sustentabilidade, investigación, innovación e dixitalización do sector pesqueiro, extractivo, acuícola e transformador. O delegado do Goberno apuntou que a convocatoria prevé mobilizar un investimento de 150 millóns de euros en iniciativas que posibiliten unha mellora da competitividade e sustentabilidade desta actividade económica.

A liña favorecerá as condicións de acceso ao financiamento do sector pesqueiro e é posible grazas ao acordo asinado entre o Ministerio de Agricultura Pesca e Alimentación (MAPA) e a propia SAECA. Este instrumento está financiado polo fondo europeo do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia e por fondos propios do Ministerio de Agricultura. 

DESTINATARIOS

Poderán solicitar esta axuda os operadores de todo o sector pesqueiro, desde actividades extractivas e de produción acuícola, ata a comercialización e transformación, e poderán ser persoas físicas, xurídicas, empresas, confrarías ou asociacións, entre outros, sempre que realicen calquera actividade económica.

Mediante este instrumento contribuirase a situar ó sector pesqueiro español en niveis punteiros de desenvolvemento dixital, tecnolóxico e ecolóxico, favorecendo a consecución das metas establecidas, entre outros, pola Política Pesqueira Común, o Pacto Verde Europeo ou os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030 e posibilitando un sector cada vez máis sostible e competitivo.

SAECA

A Sociedade Anónima Estatal de Caución Agraria-SAECA é unha empresa tutelada polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e participada por  SEPI (Sociedade Estatal de Participacións Industriais) e o FEGA (Fondo Español de Garantía Agraria). 

A  actividade de SAECA  é a prestación de  avais e fianzas para facilitar o acceso ao financiamento ao conxunto do sector primario. En Galicia nos últimos tres anos esta entidade concedeu 2.700 avais a empresas do sector primario por un importe de 25 millóns de euros.

0.18616604804993