Sae a licitación o servizo de limpeza dos aseos públicos de Viveiro
Sae a licitación o servizo de limpeza dos aseos públicos do concello. O día 11 de xullo remata o prazo, polo que dende a Tenencia de Alcaldía do Concello de Viveiro animan ás empresas locais a presentarse. Os baños públicos que se abren son os do templete de música, a parrillada do parque, o hórreo de Xunqueira, o monte de San Roque, e os baños do parque de Covas.
“É un servizo importante para os nosos veciños e veciñas e as instalacións deben estar sempre nas mellores condicións”, asegura Míriam Bermúdez, tenente de alcaldesa e responsable da área de Medio Ambiente. Os horarios de apertura das instalacións será de 09.00 a 22.00 horas en tempadas especiais: do 15 de xuño ao 15 de setembro, do 20 de decembro ao 7 de xaneiro (Nadal) e do 13 de abril ao 20 de abril de 2025 (Semana Santa). Do 16 de setembro ao 14 de xuño, a excepción dos períodos comprendidos na tempada especial, o horario de apertura será de 09.00 a 20.00 horas.