Sacan unha nova tirada de bolsas para os comercios e veciños de Ribadeo
Acisa presentou as súas novas bolsas, un paquete de mais de 21.000 unidades, que están dispoñibles gratuitamente para o comercio asociado, segundo explicou o xerente de Acisa, Jesús Pérez, quen dixo que “como adoitamos a facer polo Nadal este ano tamén entregamos de forma totalmente gratuíta materiais aos nosos asociados e asociadas".
Na presentación desta nova tirada de bolsas para os comercios participaron a presidenta e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado e Jesús Pérez, acompañados polo alcalde ribadense, Daniel Vega, e a concelleira de Comercio, Marta Saiz.
Carmen Cruzado agradeceu “a colaboración de todas as administracións coas que contamos e traballamos desde Acisa, a través de subvencións como neste caso, de convenios ou de acordos e proxectos, que sempre buscan o apoio ao tecido empresarial ribadense e sobre todo a súa dinamización económica”.
Así, explicaron que primeiro "fixémolo coa hostalería e agora tócalle ao comercio e nesta ocasión fixemos un esforzo extra, dedicando preto de 10.000 euros para a adquisición destes materias, algo que puidemos facer co cofinanciamento da Xunta de Galicia. Con esta inversión puidemos editar mais de 21.000 unidades destas novas bolsas comerciais”.
Deste xeito, din, respondemos ás necesidades dos nosos asociados e asociados, que diariamente no comercio veñen utilizando as bolsas que dende Acisa lles proporcionamos de forma gratuíta, e que sen dubida é unha das súas maiores demandas”.
Pola súa parte, Prada explicou que “estas novas bolsas, que poñemos á súa disposición, permítennos traballar con antelación para que estean a disposición dos nosos comercios xa para campaña do Black Friday e por suposto para todo o Nadal, e durante o ano 2024. O deseño tamén é renovado. Utilizamos a nova imaxe corporativa de Acisa, na que se debuxa o noso SkyLine baixo o slogan de O teu comercio. E tamén inclúen o QR-WEB de Acisa2.
O xerente de Acisa subliñou que “aqueles asociados e asociadas que desexen estes materiais poden comezar a recollelos nas oficinas de Acisa, na rúa San Roque, 57-baixo, de 9:30 a 14:30 horas ou de 15:00 a 17:00”.
O mellor comercio da túa vila
Por outra parte, a presidenta de Acisa Ribadeo, Carmen Cruzado, animou “á veciñanza a participar na campaña O mellor comercio da túa vila, na que colaboramos coa Federación Galega de Comercio, como nova iniciativa de dinamización comercial. Esta campaña ten como obxectivo promover e potenciar as vendas, e como novidade, premiar a un establecemento comercial con 500 euros”.
Cruzado Iglesias explicou que “os clientes que queiran participar no sorteo de 12.000 euros en premios, repartidos en 20 tarxetas de 300 euros e 40 tarxetas de 150 euros, só teñen que rexistrar as compras que realicen no seus negocio na páxina web e deberán facelo desde o pasado 14 de novembro ata o 7 de decembro. Pódense rexistrar todas as compras realizadas polo cliente en cada negocio”.
A presidente de Acisa subliñou que “a novidade desta campaña é o premio ao mellor negocio valorado con 500 euros, que será elixido polos propios clientes. Votar é moi sinxelo, ao mesmo tempo que o cliente rexistra unha compra na páxina web, poderá votar na lista de comercios asociados a Acisa Ribadeo que lle aparecerá. Só se permite un voto por persoa”. E engadiu: “tamén animamos aos negocios asociados a Acisa Ribadeo a impulsala e dala a coñecer, xa que esta campaña pode impactar directamente neles, podendo gañar un premio de 500 euros, que está moi ben”.