Sabela suma outra candidatura estatal con 'Non cho podo dar'

Sabela volve situarse entre os nomes destacados da música en galego no ámbito estatal. A cantante de Ourol foi anunciada este luns como finalista nos III Premios da Academia da Música de España na categoría de mellor canción en galego, asturiano ou bable por 'Non cho podo dar', o tema que interpreta xunto a María Escarmiento.
A candidatura ten ademais un claro acento galego. Na mesma categoría tamén aparecen 'Ghatiña mansa', de Caamaño&Ameixeiras con Tanxugueiras, 'Hibernarse', de Fillas de Cassandra, 'Padiante', de Sen Senra, e 'As que nunca cantaron', de Tanxugueiras. A gala de entrega celebrarase o 26 de maio en Madrid, despois dun proceso de votación que permanecerá aberto entre o 10 e o 30 de abril para os membros da Academia.
Para a artista mariñá non é unha presenza illada nestes galardóns. Sabela repite como finalista por segundo ano seguido, despois de que en 2025 xa lograse entrar na mesma categoría con 'Hi, My Love', consolidando así un percorrido que a mantén con presenza estable nos principais escaparates musicais do Estado.
A nova encaixa ademais cun bo momento para a cantante que sempre ha reivindicado os seus vencellos con Ourol e Viveiro, onde a música é como 'unha necesidade'. Agora, ese vínculo coa comarca volve ter tradución tamén sobre o escenario, xa que ten anunciada unha actuación en Viveiro o próximo 9 de maio dentro do seu 'Brillante Tour'.
Con esta nova nominación, Sabela reforza a presenza dunha xeración de artistas que está levando o galego a circuítos cada vez máis amplos sen renunciar á identidade propia. No seu caso, o recoñecemento chega cun tema de son pop e mirada contemporánea, pero tamén cunha traxectoria que segue a medrar sen perder a conexión coa terra de orixe.